O prestixioso enólogo Paul Hobbs falará sobre a súa aposta por Quiroga e os seus viños

REDACCIÓN | QUIROGA


O prestixioso enólogo estadounidense Paul Hobbs visitará Quiroga o vindeiro mes de maio e aproveitará para impartir unha conferencia sobre a súa aposta por este municipio, centrada na aldea de Alvaredos, na parroquia de Montefurado, onde puxo en marcha a adega Alvaredos – Hobbs da man de Antonio López, quirogués residente en Estados Unidos.

A actividade, organizada pola asociación Quiroga en Marcha, terá lugar o vindeiro 19 de maio a partir das 17:00 horas no hotel Casa do Estanco, situado na rúa Real da vila. O aforo é limitado.

Na conferencia, Hobbs explicará que o levou a apostar por Quiroga e como se xestou o proxecto de Alvaredos – Hobbs, unha adega que na actualidade vende a maior parte da súa produción no mercado estadounidense e elabora uns caldos que probaron figuras distinguidas como o exxogador de baloncesto Michael Jordan.

Sobre Paul Hobbs

Inspirado pola súa educación nunha granxa familiar, o pioneiro enólogo Paul Hobbs fundou a súa adega homónima en 1991 tras traballar con algúns dos mellores viticultores do mundo. Sempre perseguiu a excelencia e, na actualidade, a súa firma Paul Hobbs Winery encarna a súa crenza de que o coidado meticuloso no viñedo e a intervención mínima na adega dan lugar a viños de primeira clase, específicos para cada lugar.

Paul Hobbs leva a agricultura no sangue. As actividades que aprendeu na granxa foron tamén a introdución de Paul ao terruño. Despois de probar a mesma variedade de mazá cultivada en diferentes hortos, a diversidade de sabores e texturas deixou unha impresión inesquecible en Paul, unha impresión que formou o seu enfoque específico do viñedo para a elaboración do viño.

Tras licenciarse en Química, o seu pai convenceuno para que estudase enoloxía. Tres anos máis tarde, licenciouse en Viticultura e Enoloxía pola Universidade de California en Davis. Co tempo, Paul axudou ao seu pai para facer realidade o soño da súa vida transformando unha parte do horto familiar nun viñedo.

En 1991, púxose en contacto con Larry Hyde, de Napa, e Richard Dinner, de Sonoma -ambos os titáns da viticultura por dereito propio- para comprar cinco toneladas de Chardonnay, Pinot Noir e Cabernet Sauvignon. Co tempo, esas uvas convertéronse nos primeiros lanzamentos de Paul Hobbs Winery.

Ao longo dos anos, Paul fíxose famoso pola súa capacidade para identificar e cultivar tanto viñedos novos como históricos, unha habilidade que atribúe á súa educación agraria. Con cada colleita, profunda no seu coñecemento dos viñedos de parcela e de como se trasladan á botella. Combinando un enfoque innovador cunha atención precisa aos detalles, Paul segue dirixindo as iniciativas agrícolas e vinícolas de Paul Hobbs Winery na actualidade.

Hai unha década, o quirogués Antonio López, que reside en Estados Unidos dende hai máis de 40 anos, presentoulle o proxecto coa esperenza de que, polo menos, Hobbs lle botase unha ollada. E a cousa non puido saír mellor, pois o enólogo fixouse na iniciativa de Antonio e visitou Alvaredos. «Impresionáronlle os nosos chans, collía a terra coas mans e cheirábaa. Na viaxe en coche ao aeroporto de Madrid fomos dando forma á idea e ao chegar démonos un abrazo e el díxome: ‘isto ímolo a facer’», contaba a Antonio nesta reportaxe.

Antonio López, en Alvaredos / Diario de Quiroga

Desde esa visita, en 2015, aínda tiveron que pasar tres anos ata a primeira colleita. Recollen a uva en 15 parcelas da contorna de Alvaredos, en total son unhas sete hectáreas. En tendas especializadas de Estados Unidos, onde venden máis do 65 % das caixas, o mencía de Alvaredos – Hobbs ten un prezo de 80 dólares a botella, fronte aos 50 do godello

Deixar un comentario