Alvaredos – Hobbs: O viño elaborado en Quiroga que triunfa en Estados Unidos

CARLOS JULIO GONZÁLEZ | QUIROGA


Antonio López fixo realidade o seu soño. Puxo San Martiño de Alvaredos, unha pequena aldea de Quiroga con só tres casas habitadas durante o ano, no mapa do mundo do viño e continuou o legado do seu avó, Fructuoso Fernández. Recoñece que a bodega Alvaredos – Hobbs é o proxecto da súa vida. Un longo camiño iniciado a finais dos 90, cando comezou a recuperar as viñas que foran da súa familia: unhas estaban abandoadas, outras xa foran vendidas.

Pero a historia deste viticultor de orixe quirogués ten máis mérito tendo en conta que vive en Nova Jersey, en Estados Unidos, onde rexenta un negocio desde hai 42 anos. Precisamente, alí coñeceu ao seu socio, o prestixioso enólogo Paul Hobbs.

Cando tiña a adega case lista, Antonio entregou un libro explicando o seu proxecto a diferentes bodegas nunha prestixiosa cata en Nova York. «Se consigo que non o tiren e lle boten unha ollada…», pensou por aquel entón.

E a cousa non puido saír mellor. Hobbs, con adegas en EEUU, Arxentina e Francia e un nome de referencia no sector, fixouse na iniciativa de Antonio e visitou Alvaredos. «Impresionáronlle os nosos chans, collía a terra coas mans e cheirábaa. Na viaxe en coche ao aeroporto de Madrid fomos dando forma á idea e ao chegar démonos un abrazo e el díxome: ‘isto ímolo a facer’», lembra Antonio.

Vista de San Martiño de Alvaredos, na parroquia de Montefurado / DdQ

Desde esa visita, en 2015, aínda tiveron que pasar tres anos ata a primeira colleita. Recollen a uva en 15 parcelas da contorna de Alvaredos, en total son unhas sete hectáreas. De aí sae tres cuartas partes do que precisan para os seus caldos e o resto cómprano na zona mentres «non dan todo o seu potencial outras viñas que fomos plantando».

A produción desta adega é pequena. «En EEUU medimos a produción por caixas: agora estamos a facer unhas 2.500 caixas de 9 litros, pero o obxectivo é facer 5.000», indica Antonio. Traducido a botellas, son unhas 25.000 de godello e mencía.

Isto fai que o prezo tamén sexa elevado. En tendas especializadas de Estados Unidos, onde venden máis do 65 % das caixas, o mencía de Alvaredos – Hobbs ten un prezo de 80 dólares a botella, fronte aos 50 do godello. «A xente que coñece a Paul Hobbs paga ata 400 dólares por unha botella, así que os nosos viños ata lles resultan económicos», sinala.

Os viños que elabora Antonio están a triunfar no mercado estadounidense. No seu primeiro ano recibiron 92 puntos Parker no godello e, o ano seguinte, 91 no mencía. Ademais das tendas de viños, son un éxito en restaurantes galegos de Nova Jersey e Manhattan.

Antonio no banco onde compartía conversa co seu avó Fructuoso / DdQ

Incluso o exxogador de baloncesto Michael Jordan probou estes caldos nunha das adegas de Hobbs, nas que ofrece experiencias que ata inclúen viaxes en helicóptero sobre as viñas. «Despois catan algún viño e Paul ofreceulle unhas botellas de Alvaredos que lle encantaron tanto a Michael como aos seus acompañantes», conta entusiasmado.

«Empezamos en Estados Unidos, pois alí tiñamos a distribución garantida», di o viticultor, pero estes caldos producidos en Quiroga viaxan tamén a Hong Kong, Xapón e Holanda, están a negociar para introducilos en México e xe lles pediu mostras un importador de viños de alta gama de Singapur. O seguinte será abrirse paso en España, pero o problema é o alto prezo.

MÁIS QUE UNHA ADEGA

A adega Alvaredos – Hobbs segue traballando coa idea de plantar máis variedades galegas. Xa comezaron cunhas filas de sousón para mesturar unha pequena porcentaxe nalgún dos seus viños.

Na bodega, que está formada por tres edificios que conservan a súa arquitectura por fóra, pero que están unidos no seu interior, Antonio proxecta a construción dun gran miradoiro panorámico con vistas ao río Sil, a Montefurado e, por suposto, aos viñedos da zona. Tamén pensan en rehabilitar outras vivendas para abrir uns apartamentos

MOI VENCELLADO Á TERRA

Antonio sabe que esta adega dálle futuro a Alvaredos. «Sempre tiven medo de que desaparecese, como moitos outros pobos», recoñece. Está a envorcarse por completo no proxecto e está a traspasar a súa empresa en Estados Unidos a un familiar para poder dedicar máis tempo ao viño.

Placa realizada pola Escola de Arte de Salamanca grazas a Quiroga en Marcha / DdQ

Aínda que naceu en Galicia, con 12 anos mudouse a EEUU, onde xa viviran o seu pai e o seu avó antes de regresar a España na Gran Depresión da década dos 30. O seu vínculo con Quiroga fortalecíase cada ano «porque a miña tía nos mandaba algo máis dun mes todos os veráns, para que non perdésemos as raíces».

Iso mesmo fai agora co seu neto. De momento quere ser maquinista, pero quen sabe se algún día continuará o legado iniciado polo seu tataravó Fructuoso e continuado polo seu avó Antonio na aldea de Alvaredos.

Deixar un comentario