Amiaquigal celebrará dúas xornadas de descrición e identificación de oliveiras

REDACCIÓN | QUIROGA


As instalacións do IES de Quiroga acollerán unhas xornadas de descrición e identificación de oliveiras (elaiografía macroscópica). Organizadas por AMIAQUIGAL e o IES de Quiroga e contando coa colaboración do Concello de Quiroga, Aceiroga e Novas Rutas, esta actividade teórico-práctica desenvolverase os días 19 e 26 de abril de 2024, en horario de 18:00 a 21:00 horas.

O biólogo e investigador José Espinosa Sánchez será o encargado destas xornadas nas que con carácter introdutorio, abordarase a observación de caracteres de exemplares de oliveira que facilitan a súa descrición obxectiva, identificación e inclusión ou non nun tipo varietal catalogado.

O obxectivo é crear sinais sensoriais entre os asistentes que permitan a descrición obxectiva de oliveiras en base a caracteres facilmente observables. Os obxectivos da descrición e comparación obxectivas de variedades de oliveiras abórdanse desde a observación sistemática da árbore, a folla, o froito e o endocarpo (óso), establecendo caracteres con valor elaiográfico ou descrición varietal.

Estas sesións tamén pretenden contribuír á consolidación da actividade olivícola en Quiroga, e por extensión Galicia, cuns niveis de calidade técnica sostible, orientada a todos os segmentos interesados: cultivador, produtor, comerciante e consumidor.

Deixar un comentario