O Night Trail Quiroga cambia de nome e estreará un novo percorrido en xullo

REDACCIÓN | QUIROGA


Xa está aberto o prazo de inscrición para a carreira nocturna de Quiroga, anteriormente coñecida como Night Trail e que pasará a denominarse Night Run, que se desenvolverá o sábado 6 de xullo. Esta nova edición inclúe un cambio de percorrido, que será máis urbano, transitando polos paseos fluviais de Quiroga e Ribas de Sil e as súas principais rúas.

Haberá dúas distancias, unha de 10 quilómetros que será unha carreira competitiva, e outra de seis, que será unha andaina non competitiva. Tamén se retoman as carreiras para menores: entre as nove e media da noite ata as dez e media, hora de saída da probas absoluta, realizaranse carreiras para os máis pequenos, con inscrición gratuíta.

Outra das novidades é que o lugar de saída e de chegada pasa agora a ser a praza da rúa Lago de Quiroga.

As persoas interesadas en participar xa se poden anotar na web campionchipnorte.com, abonando o prezo da inscrición de 5 euros, agás na última semana cando este prezo será superior.

Deixar un comentario