Tres actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas dende Quiroga

REDACCIÓN | QUIROGA


Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Quiroga ten organizados tres actos: un certame de narración e debuxo, unha viaxe a Santiago para ver unha obra de teatro do Centro Dramático Galego e unha representación teatral no auditorio municipal.

CERTAME DE NARRACIÓN E DEBUXO

No referente ao certame de narración e debuxo infantil, está convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Quiroga na súa fase local. Poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con narracións en galego ou debuxos sobre o tema “Ler para pensar, pensar para ser libres”. Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe.

No caso da narración hai unha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre en bolígrafo e nunca a lapis. E no caso dos debuxos deberán estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4.

Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor en letra maiúscula. Os traballos deben entregarse na Biblioteca Municipal antes do 14 de maio. Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos.

O xurado, formado por persoas entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo farase público antes do Día das Letras Galegas. Os premios consistirán en lotes de libros e diploma. Os traballos premiados nesta fase local participarán na provincial, convocada pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo.

VIAXE A SANTIAGO

Outro dos actos programados con motivo da celebración das Letras Galegas é unha viaxe a Santiago para asistir á representación da última produción do Centro Dramático Galego “Os actos e as profecías”, unha comedia que inventa un universo ao redor dos talent show. Conta cun elenco de 20 actores e actrices baixo dirección de Tamara Canosa, acompañada na dramaturxia por Xacio Baño.

A obra, que se estreaba o pasado 11 de abril, estará en cartel ata o vindeiro 26 de maio, e durante este mes e medio o Centro Dramático habilitará un autobús dende os distintos puntos de Galicia para poder asistir. Os veciños de Quiroga poderán subir a el o xoves 16 de maio. O autobús partirá ás tres da tarde dende a casa da cultura, para poder chegar a función que comezará ás seis.

A actividade ten un custo total de 3 euros e os interesados, por contar con prazas limitadas, deben anotarse canto antes na Casa da Cultura a través do 982.43.51.25 ou do correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es.

TEATRO NO AUDITORIO

A terceira actividade terá lugar o venres 17 de maio. Trátase da representación teatral a cargo da compañía Tarabela Creativa da obra “Boa sorte, mala fama”. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala. Poderase ver no auditorio municipal a partir das oito do serán.

Deixar un comentario