Os aceites de variedades autóctonas da firma Ouro de Quiroga, premiados en Valencia

REDACCIÓN | QUIROGA


O aceite da marca Ouro de Quiroga, nas súas variedades autóctonas mansa e brava, recibiu o primeiro premio compartido con outros dous aceites, un de Barcelona e o outro de Castellón, na categoría de variedade local da ESAO Awards, os Premios Oficiais da Escuela Superior del Aceite de Oliva, con sede en Valencia.

Estes galardóns recoñecidos internacionalmente, e nos que este ano participaron máis de 170 olivicultores de España, Portugal, Grecia, Italia, Turquía, Líbano, EEUU e Brasil, garanten a calidade dos aceites de oliva virxe extra.

VARIEDADES AUTÓCTONAS

Ademais deste recoñecemento internacional para un dos seus aceites, a empresa Ouro de Quiroga forma parte do grupo operativo ‘Oliveiras de Galicia’, para a multiplicación a grande escala de oliveira autóctona.

A Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra) acolleu a presentación deste grupo operativo cuxo labor é poñer a punto e optimizar a grande escala técnicas para multiplicación mediante estaquillado clásico e micropropagación in vitro, de 11 variedades únicas de oliveiras autóctonas galegas: Brava Galega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Hedreira, Mansa Galega, Maruxiña, Santiagueira, Susiña e Xoana.

Ademais, sentará as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións experimentais situadas en diferentes puntos de Galicia.

‘Oliveiras de Galicia’, que desenvolverá a súa labor ata setembro de 2026, prevé que cos seus resultados se alcance un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas ademais da transferencia de coñecemento ao sector produtivo e á cadea de valor do oliveiral galego.

Entre os seus obxectivos, ademais da optimización dos procesos de multiplicación de material vexetal, figura a comprobación da adaptación ás condicións reais de cultivo en campo das plantas de oliveira procedentes dos dous tipos de multiplicación; o aproveitamento das variedades de oliveira autóctona galego; a recuperación a medio prazo de terras agrarias actualmente abandonadas en moitas zonas de Galicia pola falta de alternativas, pero que reúnen as condicións axeitadas para o cultivo da oliveira ou a recuperación do oliveiral galego actualmente esquecido, pero que tivo gran importancia e extensión en séculos pasados.

O proxecto articúlase como un consorcio liderado pola Fundación Juana de Vega e participado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e as empresas Ouro de Quiroga e Oliveiral da Concordia (Valga, Pontevedra). Como entidade colaboradora, a Axencia Galega dá Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia.

Deixar un comentario