Manuel Isorna abordará as adicións en adolescentes nunha charla no IES Quiroga

REDACCIÓN | QUIROGA


O profesor do departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo Manuel Isorna Folgar acudirá o vindeiro 13 de marzo ao IES de Quiroga para impartir unha conferencia sobre conductas adictivas en adolescentes. En concreto, centrarase no uso excesivo de dispositivos tecnolóxicos e mais no abuso de certas substancias.

Isorna Folgar, que é experto en prevención escolar e comunitaria e investigador, compartirá abertamente as súas reflexións nun esforzo por identificar algunhas claves para comprender e previr estes desafíos desde o ámbito familiar nunha actividade enfocada a familias e profesorado.

Dende o IES de Quiroga sinalan que, nas últimas décadas, o uso de móbiles, internet, videoxogos e redes sociais, así como o consumo intensivo de alcohol, cánnabis, o fenómeno do vapeo e a proliferación de novas substancias psicoactivas, configuran un panorama sumamente incerto e complexo que require unha profunda reflexión colectiva.

As familias, din, adoitan cuestionarse as posibles motivacións dos adolescentes para participar nestes comportamentos e prácticas de risco poñendo o foco só nos rapaces e sen ter en conta os posibles erros cometidos polas familias, os propios centros educativos ou as institucións.

Durante a conferencia que se impartirá no IES de Quiroga tentarase que docentes e pais e nais comprendan “que se trata dunha responsabilidade compartida, onde familias e centros educativos deben colaborar de maneira conxunta e orientada cara a un obxectivo común“, que non é outro que adaptarse aos novos retos e desafíos que conleva a educación dos fillos nunha sociedade que non deixa de experimentar profundos cambios.

Deixar un comentario