Antía Yáñez participa hoxe nunha mesa redonda sobre saúde mental en Quiroga

REDACCIÓN | QUIROGA


A biblioteca do IES de Quiroga celebra este luns día 5 a súa I Xuntanza Literaria nun acto aberto a todo o pobo de Quiroga. A temática xirará arredor da saúde mental, tendo como fío condutor o libro ‘Non penses nun elefante rosa’, da autora galega Antía Yáñez.

A xornada contará cunha mesa redonda moderada pola coordinadora do Club de Lectura do IES, Aldara Pérez González, e e na que participará a autora do libro, Antía Yáñez; a representante das nais e pais do centro, Almudena Rodríguez; unha integrante do Club de Lectura, Laura Álvarez; a directora do Cim de Quiroga, Marisa Castro, e dous representantes do alumnado.

Na mesa redonda, que comezará ás 16:30 horas, na casa da cultura abordaranse cuestións como canto custa ir ao psicólogo, se soamente é necesario ir cando tes unha enfermidade, que é o TOC, que pensan os adolescentes da saúde mental ou se é importante para os pais e nais a saúde mental, entre outros asuntos.

Estas preguntas e ideas que se exporán e debaterán durante a mesa redonda foron redactadas polo alumnado participante no Club de Lectura do IES de Quiroga. A velada, aberta a todo o público que o desexe, rematará coa firma de libros de Antía Yáñez.

Deixar un comentario