Asociación Desenvolvemento Rural Serra do Caurel celebra os seus 25 anos

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel cumpre os seus 25 anos de vida e, para celebralo, organiza unha serie de actividades que comezan co IV Bioblitz Courel e cos que pretende promocionar a riqueza etnográfica e ecolóxica deste territorio.

A día de hoxe a asociación conta con 70 socios cunha masa social diversa e transveral onde o 55% dos membros son mulleres. Nela hai establecementos e empresas de actividades vinculadas ao turismo, así como outras que se dedican á produción agroalimentaria artesanal, pero tamén construtores, carpinteiros, ensinantes, gandeiras, médicas ou coidadoras, entre outros.

O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.

Con motivo deste aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro.

Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade.

“Para elo programaranse un gran número de actuacións, algunhas xa consolidadas e outras para experimentar novas liñas de traballo, pero todas co fío condutor de xerar valor a partir do noso amosando o compromiso desta Asociación co futuro da Serra neste 25 aniversario da súa fundación”, explica o seu presidente, Marcos Reinoso.

Actividades

A primeira das actividades é un Bioblitz, no que se combina unha experiencia de ciencia cidadá coa posta en valor de novos recursos do territorio e se plasma a ligazón entre a actividade agrogandeira e silvopastoral e a biodiversidade.

Entre as propostas de cara a este ano, tamén haberá actuacións en rutas turísticas, a elaboración dun mural mediante a técnica do esgrafiado, o Filandón das rapatoxas, accións de voluntariado, a Festa da cantarela, así como talleres e rutas relacionadas cos produtos e oficios que existen aínda no Courel, como un sobre o procesado tradicional da lá.

Estas accións veranse completadas e recollidas nun documental conmemorativo dos 25 anos de actividade da asociación.

O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 € a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Deixar un comentario