Quiroga ten un aceite «saudable e especial» segundo os expertos

«Saudable», «especial» e «un referente na comunidade». Así definiron o aceite de Quiroga varios expertos do sector oleícola nun encontro virtual que se celebrou na tarde do venres e que abordou os beneficios do aceite de oliva virxe elaborado na comarca, dos estudos e análises feitos e da liña a seguir para chegar a unha boa comercialización.

Se ben esta xuntanza telemática pretendía ser unha toma de contacto entre os entendidos no mundo do aceite que ían participar no I Congreso Internacional do Aceite de Quiroga, suspendido pola pandemia, finalmente acabou por converterse nun «mini congreso», segundo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

No encontro virtual afirmouse a importancia do Aceite de Oliva Virxe Extra (categoría á que pertence o aceite de Quiroga) para axudar a previr as enfermidades cardiovasculares. O doutor Carlos González Juanatey, xefe cardioloxía do HULA, afirmou que este aceite  «é un suplemento fundamental de prevención cardiovascular», tal e como, dixo, certifican moitos estudos.

A Universidade de Vigo, a través das profesoras Beatriz Cancho Grande e Carmen González Bouza, foi quen levou a cabo a investigación na que se comprobou que as oliveiras brava e mansa do val do Sil son variedades autóctonas. Tras esta comprobación agora estudan o noso aceite coas axuda dos olivicultores da zona. Ademais, están a traballar nun proxecto co Hospital de Ourense. O vindeiro ano farán un ensaio con persoas diabéticas, para comprobar se o consumo deste aceite autóctono pode mellorar a súa saúde.

mostra-aceite-quiroga-celebrou-19-edicion-plena-forma1
Demostración da elaboración tradicional do aceite local /DdQ

Manuel Rafael Pérez Prados e Fernando Vázquez Miranda, do Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria (ICA), apoiaron ao Concello de Quiroga á hora de estudar e analizar o aceite. Cualificaron de «moi especial» as 66 hectáreas dedicadas a este cultivo na nosa comarca, das que  42 son de oliveiras autóctonas, máis mansa que brava, cunha produción que rolda os 25.000 litros de aceite anuais. Ademais hai en proxecto outras 33 hectáreas preparadas para ceder a súa explotación por AGADER.

A gran cantidade de contido fenólico dos aceite de Quiroga foi o que destacou o profesor Feliciano Priego Capote, membro do departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba. Explicou que o consumo preferente de calquera aceite de oliva é de 18 meses, e «transcorrido ese tempo perde gran parte do seu contido fenólico», polo tanto, a súa maior propiedade saudable.

O feito de que os aceites de Quiroga dupliquen e incluso tripliquen o seu contido fenólico, fai que transcorrido este período aínda conserven a cantidade precisa para seguir sendo saudables segundo os parámetros marcados pola Unión Europea. En palabras de Priego Capote «isto pode ser algo que serva para diferenciar o aceite de Quiroga e darlle un valor engadido». Nos compostos fenólicos do aceite de oliva inflúen a variedade de oliva, os traballos agronómicos e etnolóxicos -proceso no muíño- e o procesado, no que o filtrado é esencial.

mostra-aceite-quiroga-celebrou-19-edicion-plena-forma (1)
Cata de aceites na pasada edición da mostra anual / DdQ

Francisco Lorenzo Tapia foi outro dos doutores participantes no encontro virtual. Falou do AOVE como alimento vertebrador da dieta mediterránea. Amosou o seu apoio ao aceite de oliva a través da calidade e da cultura da oliveira e o medio ambiente, que comparte con outros cultivos, para rematar nun beneficio para a saúde.

O codirector de Arco Agroalimentaria, Maximiliano Arteaga, marcou como obxectivo buscar a máxima calidade do froito, empezando pola obtención da planta e rematando polo procesado final, para chegar á comercialización. Precisamente, da comercialización falou o catedrático da Universidade de Xaén, Manuel  Parras Rosa, centándoa en catro eixos: competitividade, diversificación, sostibilidade e orientación ao mercado. «Un mercado no que os consumidores sexan capaces de valorar o esforzo dos produtores», sinalou.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, amosou o seu orgullo por «potenciar o aceite traballando para acadar un prestixio importante». O rexedor local emprazou a todos os participantes para acudiren o vindeiro ano ao congreso presencial do Aceite de Quiroga.

Deixar un comentario