Montañas do Courel abre as xanelas aos seus principais recursos

Todos os xeoparques recoñecidos pola UNESCO en Europa participan ata o 7 de xuño na 11ª Semana dos Xeoparques Europeos, co obxectivo de informar ao público en xeral, especialmente á poboación local, do patrimonio xeolóxico, natural e cultural destes territorios.

Na pasada edición participou por primeira vez Montañas do Courel, apenas un mes despois de ser declarado como geoparque, e fíxoo con preto dunha vintena de actividades de todo tipo, con visitas, conferencias, roteiros ou degustacións.

Con todo, coa situación sanitaria actual, a planificación deste tipo actividades foi imposible, polo que desde Montañas do Courel optaron por achegar o xeoparque á xente a través das redes sociais, para que, deste xeito, os usuarios poidan gozar das paisaxes e lugares máis destacados do territorio sen saíren de casa.

A actividade, que denominaron «Xanelas», xa está en marcha. A mina da Toca foi o primeiro destino. Trátase dunha das 96 minas minas romanas de ouro que se preservan no territorio.

A segunda parada levou aos seguidores do geoparque ata o forno de cal de Cereixido, unha das quince caleiras que existen na comarca. Todas as imaxes publícanse acompañadas dun mapa que permite situalas e un pequeno texto con información. Os demais lugares pódense consultar nas redes sociais de Montañas do Courel.

Outra das accións que están a levar a cabo é a campaña «Respira Geoparques», na que participan os quince territorios que ostentan esta distinción en España. Cada día comparten fotos e información sobre algún deles nas redes sociais, convertendo esta iniciativa nunha boa forma de promoción para estes lugares.

Deixar un comentario