O Centro de Día da Ribeira comezou a funcionar este luns

Esta mañá abriu as súas portas o Centro de Día da Ribeira, en Quiroga. Este centro, que se define como «xerontolóxico, socio-terapéutico e de apoio ás familias», mantén aberto permanentemente o prazo de solicitude de praza. Conta con 25 prazas para persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela.

O centro, que contará con servizo de transporte de recollida a domicilio, permanecerá aberto todos os días laborables dende ás oito da mañá ata as oito do serán. Dentro deste horario, os usuarios poderán ter xornada completa ou media xornada con ou sen comida. Dentro dos requisitos mínimos para poder ser usuario deste servizo está o de ter cumpridos os 65 anos ou 50 en caso de dependentes con circunstancias persoais.

As persoas ou familias interesadas neste novo servizo poden pasar polo departamento de servizos sociais, para anotarse ou para recibir máis información sobre o funcionamento deste centro.

Edificio polivalente

O edificio no que se sitúa o Centro de Día acolle tamén o Centro Social da Ribeira, na planta baixa, que hoxe tamén abriu as súas portas e así o fará todos os días dende as tres da tarde ata as oito do serán, para uso e disfrute da veciñanza. O centro contará con persoal que o atenderá durante ese horario e estes dous servizos están xestionados directamente polo Concello de Quiroga.

Albergue

Na segunda planta do edificio o concello proxecta crear un albergue de acollida temporal para persoas en risco de exclusión social. Nembargantes, para ver completo este proxecto haberá que agardar porque aínda quedan traballos que realizar no seu interior.

Deixar un comentario