Plans para pasar en grande esta ponte e celebrar o Samaín en Quiroga e no Courel

Hai numerosos plans para pasar en grande esta ponte festiva. Moitas das actividades están relacionadas co Samaín e moitas outras, como non podía ser doutro xeito, co froito estrela esta tempada: a castaña.

Festa infantil de disfraces (Quiroga)

Este xoves, a partir das cinco da tarde, no disco pub Yoya, terá lugar a festa de Samaín para os máis pequenos e pequenas. Durante dúas horas e media todos os rapaces e rapazas que o desexen poderán acudir a este recinto coas súas terroríficas vestimentas.

Festa da Cervexa Internacional (Quiroga)

O restaurante O Rego Gastrobar celebra hoxe a partir das oito da tarde a Festa da Cervexa Artesá e de Samaín, na que haberá pinchos e degustación de cervexa.

Festa na Cafetería Kiper (Quiroga)

Tamén esta noite celebra a Cafetería Kiper de Quiroga unha festa para celebrar o seu cuarto aniversario, a partir das 21:30h. Actuarán O Recanto e DJ Michel. A persoa co mellor disfraz de Samaín levará un premio.

Festas de San Clodio (Ribas de Sil)

Segundo día de festas hoxe en San Clodio. Esta xornada está dedicada á Terceira Idade. Misa á unha e pinchos para os maiores na Praza do Concello ás dúas. Pola tarde actuación do grupo teatral Augas do Sil coa súa nova obra Seis príncipes para unha princesa. Unha pancetada ás 8 e a música da Orquestra Capitol poñerán o punto e final a estes festexos que comezaron onte.

ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra (O Courel)

A Asociación de Nais e Pais do alumnado deste centro organiza o venres día 1 ás 5 da tarde na Praza do Toural unha festa de Samaín na que non faltarán xogos, merenda-cea de balde para nenas e nenos, música, baile e obradoiros.

Andaina do Terror Qui-Medo (Quiroga)

O sábado 2 celebrarase a primeira Andaina do Terror, Qui Medo. Esta andaina de dificultade baixa e dun recorrido aproximado de 6 km, maioritariamente polo casco urbano, contará con numerosas sorpresas terroríficas. Os participantes sairán dende o Pavillón Municipal a partir das oito e media do serán en grupos de 10 persoas cada cinco minutos. Os menores de 12 anos que queiran participar deberán de ir acompañados.

Os participantes non saberán o recorrido exacto ata o momento en que lle toque saír, para evitar saber de antemán os puntos nos que estarán situadas as terroríficas representacións. Para darlle máis espectacularidade á andaina, os asistentes, que ao remate repoñerán forzas cunha chocolatada, poden ir disfrazados.

Nestes momentos xa hai máis de cen inscritos polo que as inscricións pecharanse xa o xoves, polo que as persoas que queiran participar deben de anotarse canto antes.

Xornada Castañeira nos Anguieiros (Quiroga)

O sábado, nos Anguieiros (Montefurado), terá lugar a cuarta Xornada Castañeira. Esta actividade terá unha primeira parte divulgativa, de 17h a 18:30h. Primeiro cunha visita guiada para coñecer Caniceiras e logo unha charla sobre o potencial da castaña na zona a cargo de Martín Alemparte. De 18:30h a 19:30h haberá unha sesión creativa relacionada co samaín. Para rematar, de sete e media a once e media, terá lugar unha sesión festiva que contará cun magosto popular e coa música de As Macizas Centrais.

Festa da Castaña (O Courel)

En Seoane do Courel celebrarase o sábado día 2 a Festa da Castaña. O recinto abrirase ás 12h e unha hora e media despois terá lugar o pregón, desta volta a cargo do chef Iván Domínguez. Entre outras actividades, ás 19h actuarán os Gin Toni’s.

Música rock de «Los Vagos» (Quiroga e O Courel)

Actuarán mañá venres no Ruxe Ruxe de Quiroga, o sábado 2 no Bar Lembranza de Seoane, e domingo 3 no Pontón, en FolgosoLos Vagos é unha banda veterana, xa que se formaron en 1986, e autodefínense como un «grupo de rock ortodoxo formado por delincuentes xuvenís xubilados pero que levan a bandeira de independencia musical e artística como aceno de identidade».

facebook

Botas en falta algunha actividade que pensas que debería aparecer aquí? Contacta connosco.

Deixar un comentario