Ribas de Sil suma medios para a loita contra a vespa velutina grazas a unha achega da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, entregou esta tarde ao concello de Pol un equipo de protección individual, e aos concellos de Carballedo e Ribas de Sil sendas pértegas, material cedido pola Consellería do Medio Rural para a loita contra a vespa velutina. Coa entrega deste material complétase a dotación para estes concellos, que colaboran coa Xunta de Galicia no plan de control do insecto invasor.

Actualmente o plan conta con 123 municipios galegos que colaboran coa Administración autonómica na retirada dos niños desta especie, que non é máis agresiva que a vespa autóctona. Por iso, a Xunta de Galicia solicita que non se cree unha alarma social innecesaria e lembra que, no caso de localizar un niño, os cidadáns non se deben achegar a el senón chamar ao teléfono gratuíto 012, para que os especialistas poidan actuar no seu control. No seu caso, deben prestar atención ante a posible presenza de niños ocultos as persoas que realizan desbroces ou talas de árbores, especialmente no caso de persoas aléxicas ás picaduras de insectos.

A provincia lucense conta con 14 concellos adheridos ao Plan de vixilancia e control da vespa velutina entre os que se atopa Ribas de Sil. Completan a listaxe Carballedo, Castroverde, Foz, Mondoñedo, Negueira de Muñiz, Ourol, Pantón, O Páramo, a Pobra de Brollón, Pol, Sarria, O Vicedo e Vilalba.

Ademais dos concellos colaboradores, participan nos labores de retirada de niños os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que en Lugo están adscritos aos concellos de Cervo, A Pontenova, Guitiriz, Becerreá, Monterroso, Folgoso de Courel e Quiroga, así como persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural.

Dende que os concellos colaboradores e as unidades de emerxencias se incorporaron ao plan, no ano 2016, a Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega de Emerxencias distribuíron ás diferentes unidades actuantes un total de 527 equipos de protección individual e 167 pértegas para acadar aos niños en altura. Ademais, a Consellería do Medio Rural distribuíu aos apicultores 13.267 trampas aos apicultores, coas correspondentes doses de líquido atraente, e a maiores 5.404 botes de líquido atraente de 500 ml dunha marca comercial, e 40.782 monodoses de atraente doutra marca comercial.

O dito plan compleméntase coa formación do persoal das unidades participantes. Ata o momento, a Xunta de Galicia organizou 34 cursos para este persoal, ao que asistiron 1.329 técnicos.

A nivel Galicia, durante o ano 2017 retiráronse ou inactiváronse 23.676 niños. Deste total, 14.493 foron na provincia da Coruña, 6.121 na de Pontevedra, seguida da de Lugo con 2.433 e finalmente Ourense con 629 niños. No que levamos do ano 2018, a través deste plan retiráronse ou inactiváronse 17.507 niños: 9.560 en A Coruña, 1.816 en Lugo, 1.711 en Ourense e 4.420 en Pontevedra.

A Xunta de Galicia destaca a importancia da colaboración entre todas as administracións para poder minimizar os efectos deste insecto invasor.

Deixar un comentario