Novo aspecto para a imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida, do século XV

REDACCIÓN | QUIROGA


A imaxe da Virxe dos Remedios da parroquia de A Ermida, en Quiroga, presenta un novo aspecto logo dos traballos de restauración. O experto Francisco Naranjo, que se desprazou para tal fin dende Málaga foi o encargado de intervir a escultura, que data do século XV e é de orixe inglesa. A actuación levouse a cabo no marco do proceso da coroación canónica deste virxe, que a parroquia confía completar o vindeiro mes de setembro.

O informe previo á intervención era demoledor, cualificando de “lamentable” o estado de conservación da peza. “A fráxil natureza do material de soporte e a evolución estética para o seu uso cultural (o uso de axuar téxtil e o feito de ser un elemento procesional) ao longo da historia foron engadidos superpostos”, indicaba este documento.

A nivel de soporte, hai que ter en conta o material no que está feito, o alabastro. Esta pedra, como variante de sulfato de calcio, alxiez ou pedra de xeso, ten un sistema cristalino monoclínico e, polo tanto, unha dureza baixa e pódese raiar cunha uña. Esta fraxilidade provocou arañazos na súa superficie, pequenas perdas de soporte e a posibilidade de que, por unha fractura da cabeza no pasado, fose substituída por outra nova que non se corresponde en calidade nin en canto a o seu canon co resto da peza.

A nivel de policromía, o paso do tempo e a perda das propiedades aglutinantes dos materiais pictóricos provocou rachaduras e desprendementos de parte desta película en cor. Este dano houbo que tentar corrixir en ocasións coa aplicación de repintados, os máis evidentes no cabelo e no rostro da Virxe.

A Virxe da Ermida

A Virxe que se venera na Ermida coa advocación dos Remedios agocha debaixo da túnica e do amplo manto co que esta revestida unha imaxe que, segundo os entendidos, é un dos poucos sobreviventes de alabastro medieval de orixe inglesa. O único á vista dos fregueses é a cabeza.

A Virxe da Ermida é unha escultura, de autor e escola descoñecidos, de principios do século XV, que conserva pálidos restos de policromía. A súa túnica ábrese sobre o peito para aleitar. No seu brazo dereito sostén o Neno que se estende sobre o seu peito e o cubre cos brazos e coas mans. Mentres, a nai coa man esquerda sostén unha pomba dourada.

Esta iconografía da Virxe aleitando limitouse a partir de Trento por unha cuestión de pudor, intentando evitar a representación do peito espido. É moi probable que o paso desta imaxe a unha de vestir fose por este tipo de cuestións.

É notable que a parte posterior desta figura sexa plana, o que suxire que, en vez de escultura exenta, formou parte dun retablo ou alto relevo ornamental. Vén corroboralo o feito de non ter peana, polo que é preciso sostela sobre un soporte de madeira. Esculpidas tamén en madeira son a cabeza e as mans postizas, únicos membros visibles.

Sobre o restaurador

Nacido na malagueña localidade de Benalmádena en 1974, Francisco Naranjo é licenciado en Bellas Artes na especialidade de Restauración Escultórica e Pictórica pola Universidade de Granada. Ao longo da súa vida, traballou para institucións como a Junta de Andalucía, a Agrupación de Confrarías de Semana Santa, o Obispado de Málaga, a Catedral de Córdoba ou a de Guadix.

Foi o restaurador de pezas concepcionistas de relevancia datables nos séculos XVI ao XVIII, así como de imaxes de confrarías e irmándades como aVirgen de la Encarnación de los Dolores del Puente ou o Cristo de Medinaceli da igrexia de Santiago.

Así mesmo, Naranjo posúe unha prolífica produción cartelística. A súa experimentación pictórica, por certo, está enfocada a unha obra de influencias “Pop” con referencias á cartelería clásica. As cores planAs, as súas técnicas de experimentación serigráfica traducidas en pintura de cabalete, son os seus rasgos máis distintivos.

Deixar un comentario