Mario Colomán & The Clocks Band, un grupo disposto a ‘asaltar’ calquera escenario

CARLOS JULIO GONZÁLEZ | QUIROGA


Detrás de cada plan ambicioso hai unha mente que pensa e executa. En La Casa de Papel foi esa figura controversial do Profesor a que se detén en cada un dos detalles para que nada falle e, sobre todo, quen vai dun recuncho a outro buscando recrutar os mellores. No caso da serie de Netflix o obxectivo era asaltar o Banco de España; no que nos ocupa nestas liñas, o ‘asalto’ será aos escenarios e promete ser por todo o alto.

O ‘Profesor’ desta historia non leva gafas, pero si investiu o seu tempo en formar o mellor exército musical posible e tamén pasou horas e horas nun local de ensaio case convertido en guarida e que, dende o pasado verán, viu nacer e medrar un grupo de música que aínda non debutou, pero xa xera grande expectación en Quiroga. Mario Colomán & The Clocks Band prepara a súa estrea o vindeiro venres, 29 de marzo, dentro do programa da Feira do Viño da vila.

Mario Colomán (Quiroga, 2002) asegura que esta formación de nova factura é “un cantautor que busca a súa banda de rock. Eu escribo as letras, pero eles son os que máis saben de música e fan isto posible”, confesa un Mario que, aínda que se resta importancia, foi chave para facer deste grupo unha realidade. Tivo a idea e puxo as que tivera previamente a disposición, buscou o equipo (tanto humano como técnico), petou en moitas portas, como a do Concello de Quiroga, e converteu o garaxe da súa casa en local de ensaio, con obra de por medio incluída e coa complicidade de Marisa, a nai de Mario, que se involucrou e confiou ao máximo dende o minuto inicial.

O resultado é un grupo que se xunta unhas 20 horas á semana dende hai nove meses, en moitos casos con xornadas maratonianas, pois Mario compaxina o grupo cos seus estudos de Filoloxía Hispánica en Compostela. O da Feira do Viño de Quiroga será o seu primeiro concerto, pero a moitos pareceralles que levan unha vida tocando xuntos. Durante preto de dúas horas, farán soar versións de música rock, pop-español, blues, folk celta e americano e blues. Non faltarán grandes clásicos de bandas emblemáticas como Dire Straits nin as imprescindibles de artistas como Joaquín Sabina, entre outros moitos.

No repertorio final levan traballando dende principios de ano, logo dunha coidada selección de temas, e inclúe tres cancións propias, dúas en castelán e unha en galego, das moitas compostas por Mario Colomán. “Teño uns 50 temas escritos e nun futuro encantaríame poder tocar máis nos concertos”, sinala, ao tempo que recoñece que moita da súa inspiración está nas letras de Javier Krahe, Sabina, Mark Knopler e Bruce Springsteen. Antes era el quen as compoñía en solitario, pero agora atopa axuda nos membros da banda, “polo que a calidade é maior”.

Arriba, Mario, Lena e Alberto; abaixo, Brais, Santi e Diego / DdQ

O certo é que o grupo, insiste Mario, non se entende sen The Clocks Band, “uns fóra de serie nisto da música que é un espectáculo escoitar”. Agás un, todos teñen pasado na Banda Folk de Ribas de Sil, que foi para eles “unha escola moi importante” pola que seguen agradecidos ao seu impulsor, Roberto Castro. Aos pianos, o acordeón e o violín eléctrico estará Lena Álvarez, quen acadou con só 17 anos o nivel máis alto da formación que imparte a academia internacional de estudos musicais RSL. Trátase do Performance Level 6, un diploma de gran prestixio equivalente a un grao universitario e con validez en máis de 55 países do mundo.

Ao baixo está Brais Fernández, que foi o primeiro en subir ao barco cando a idea de formar o grupo se asomou pola cabeza de Mario. Chegou despois Alberto Losada, que se encarga de facer soar a batería e, “de casualidade”, di Mario, pegaron con Santi, un “espectacular guitarrista” que se uniu ao grupo con moita ilusión e que, ademais, recomendou o sexto e último integrante, Diego, que toca a guitarra eléctrica e que nun tema se atreve tamén co piano.

Xa contan as horas para a grande estrea na Feira do Viño. Están ansiosos de poder sacar fóra do local de ensaio tantas horas de preparación nas que, música a un lado, se converteron nunha pequena gran familia. A outra familia, a de sangue, de cada membro do grupo e todos os seus amigos tamén agardan expectantes a que Mario Colomán & The Clocks Band suban ao escenario por primeira vez.

Dende o grupo agardan que esta sexa só unha das moitas oportunidades para escoitalos e, se a cousa vai ben, admiten que lles gustaría gravar un disco con entre dez e once cancións. Tómano en serio e, de feito, Mario explica que para tres deles o grupo foi dende o primeiro momento “algo moi interesante, que quixemos que tivera valor e traballo detrás”. Outros acudiron á súa chamada véndoo como un ‘hobby’, mais o paso das semanas fixo que o tomasen “cada vez máis en serio”. Así pois, todo indica que estamos só ante o inicio de algo grande.

Deixar un comentario