En marcha o Val de Quiroga de Tapas: estas son as propostas dos 10 bares

REDACCIÓN | QUIROGA


Dende este luns está en marcha o concurso de tapas da Feira do Viño de Quiroga, que este ano chega con dúas novidades. A primeira delas é o nome, pois de chamarse Quiroga de Tapas pasa a ser Val de Quiroga de Tapas. O motivo é a incorporación de tres bares de San Clodio (Ribas de Sil), que se unirán a sete de Quiroga.

Polo tanto, haberá que pasar por dez establecementos para cubrir o tapacartón. Son Mesón Ferreiriño, O Portón, Matrioshka, A Botica, Chapakuña 3, Ruxe-Ruxe e Adega da María, de Quiroga; e A Cabina, Las Vegas e Restaurante Praia Fluvial, de San Clodio. Presentan as seguintes tapas:

  • Adega de María: Primavera
  • Matrioshka: Solombo ao roquefort
  • Chapakuña 3: Delicias de polo ó padano
  • Ferreiriño: Os praceres da nosa terra
  • A Botica: Polo pan baila o can
  • Ruxe-Ruxe: Piruleta Popcorn
  • O Portón: Sabores do Portón
  • Restaurante Praia Fluvial: Sapito
  • Restaurante las Vegas: Pasapalos
  • A Cabina: A Cabinita

A outra das novidades está o prezo. A tapa pasa a custar agora 2 euros, incrementándose polo tanto en 50 céntimos con respecto a edicións anteriores. Dende o departamento de Xuventude, organizador do evento, din que este incremento foi pedido polos establecementos, “que terán máis marxe para presentar ao concurso tapas de máis calidade”.

O Val de Quiroga de tapas desenvolverase ata o martes 26 de marzo e as tapas deberán estar a disposición do público entre as 12:00 e as 14:30 e as 19:00 e as 22:30 horas.

Os propios consumidores serán quen decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. Para iso terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante. Unha vez cuberto, votarán á que ao seu xuízo merece ser a gañadora do concurso.

O establecemento gañador recibirá unha placa conmemorativa e 100 euros en metálico. Os participantes que completen a degustación das tapas e voten á tapa que máis lles gustou entrarán nun sorteo no que poden gañar diferentes premios.

Entre as recompensas aos comensais, 200 e 100 euros en metálico, experiencias gastronómicas, enoturismo, comidas para dous en diferentes establecementos e cestas de produtos típicos. Hai preto de 15 premios.

Deixar un comentario