A XXIV Mostra do Aceite de Quiroga terá lugar o domingo 21 de abril en Bendilló

REDACCIÓN | QUIROGA


O Concello de Quiroga comezou coa organización da XXIV Mostra do Aceite. A data escollida para a súa celebración da é o 21 de abril, que foi consensuada na xuntanza mantida entre olivicultores e representantes municipais.

A Mostra do Aceite desenvolverase no lugar das Farrapas, en Bendilló, onde a recreación da elaboración tradicional no muíño e a venda do aceite de oliva de Quiroga serán os puntos centrais do evento.

A falta dun mes para a súa celebración ábrese o prazo de inscrición para participar nesta Festa de Interese Turístico de Galicia. O número de colleiteiros está limitado a oito, polo que os interesados en participar serán seleccionados por orde de inscricións no rexistro de entrada das oficinas municipais.

Requisitos imprescindibles serán contar co rexistro sanitario vixente e ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite. No momento de realizar a inscrición, que se poderá facer ata o 27 de marzo, é obrigatorio presentar unha mostra dun litro de aceite en envase de cristal para realizar posibles catas.

Deixar un comentario