Eólicos no Alto do Faro

O TSXG suspende a autorización do parque eólico Ventumelo, que inclúe Ribas de Sil

REDACCIÓN | RIBAS DE SIL


A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión das autorizacións administrativa previa e de construción outorgadas pola Xunta de Galicia para os proxectos dos seguintes parques eólicos: Ventumelo -ao que fan referencia dúas dos autos-, situado nos municipios da Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo); Porto Vidros, situado en Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra); e Banzas, situado en Outes, Mazaricos e Negreira (A Coruña).

Ademais, a Sala acordou desestimar a solicitude de suspensión da resolución da Xunta que outorgou as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Vilartoxo, situado na Baña e Val do Dubra (A Coruña).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo (TS) o pasado mes de decembro, adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto a parques eólicos.

Desde esa resolución do alto tribunal, que rexeitou dous das causas que o TSXG tivo en conta para decretar a anulación dalgunhas instalacións, ambas as relacionadas co prazo do trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental seguido antes de ditarse a autorización dos proxectos e do acceso aos informes sectoriais polo público interesado nese trámite, emitiu ata hoxe 25 autos nos que decide sobre a solicitude de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 21 parques eólicos, dos cales 18 foron estimatorios e, o resto (3), desestimatorios.

Deixar un comentario