A Xunta calcula que se tardarán 18 meses en restablecer o tráfico na LU-561

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, indicou hoxe en Folgoso do Courel que os traballos para restablecer o tráfico no tramo que se desprendeu na LU-651 «pódense demorar arredor de 18 meses polo alcance dos danos».

A conselleira sinalou que nestes momentos se barallan catro alternativas como posibles solucións prioritarias: a execución dun viaduto para salvar o treito da vía desprendido; a execución dunha vía de novo trazado, que á súa vez podería ser en falso túnel ou en desmonte; ou a construción dun túnel máis afastado.

Vázquez apuntou a Xunta escollerá a proposta «que antes permita recuperar o acceso principal ao Courel e tamén a solución máis segura», pero recoñece que todas as solucións son «complexas, por estar nun territorio de montaña, con grandes valores naturais protexidos como parte da Rede Natura».

Porén, avanzou o compromiso da súa consellería de «simplificar e reducir ao máximo os trámites e os prazos». Neste sentido, o Goberno galego realizará unha declaración de emerxencia para restablecer a circulación entre Folgoso do Courel e Quiroga coa máxima axilidade posible.

Na xuntanza de hoxe, na que estivo acompañada pola alcaldesa, Dolores Castro, Ethel Vázquez precisou que «quedan días de traballo por diante, no que se debe ser rigorosos na análise técnica, porque se ten que garantir unha solución segura para restablecer a circulación con plenas garantías, para o que cómpre coñecer ben o estado no que se atopa o terreo».

AS CAUSAS: O COLALPO DUNHA GALERÍA

A conselleria explicou que as causas dos danos sufridos na LU-651, que produciron un socavón de 200 metros, apuntan ao colapso dunha das galerías subterráneas da canteira de lousa que se atopa nas proximidades e que este martes regresou ao traballo.

Un momento durante a visita desta mañá / Xunta

A este respecto afirmou que realizarán «as indagacións oportunas e se exixirán as responsabilidades que correspondan», pero avanzou que a Xunta «actuará coa máxima axilidade e asumirá as actuacións, imputando despois o gasto a posibles responsables».

VÍA ALTERNATIVA POR VIDALLÓN

Mentres non se solucione o problema, a circulación realizarase pola vía alternativa que pasa pola localidade de Vidallón, solución xa empregada durante as obras de acondicionamento da LU-651, que tiveron lugar entre os anos 2007 e 2009.

Ethel Vázquez tamén se referiu ás obras de acondicionamento que a Xunta ten programado iniciar esta primavera entre Folgoso e Seoane, concretamente entre Ferrería Vella e Seoane, xa adxudicada. Indicou que, «tendo en conta que a súa execución fai necesario un corte da estrada nese treito, o Goberno galego decidirá de forma coordinada co Concello a programación das obras».

Deixar un comentario