A eliminación do billete con enlace entre A Coruña e San Clodio chega ao Congreso

REDACCIÓN | RIBAS DE SIL


A eliminación do billete con enlace polas tardes entre as cidades da Coruña e Santiago de Compostela e a estación de San Clodio – Quiroga chega ao Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para que o Goberno do Estado «recupere os horarios e frecuencias nesta estación».

Este billete con enlace deixouse de vender despois de que os dous trens que eran necesarios para chegar da Coruña ou Compostela a San Clodio modificasen os seus horarios tras unha «reconfiguración horaria» froito da chegada do AVE a Galicia. A organización nacionalista destaca que este feito «non pode supor a perda de conexións no interior do país e coas principais cidades que alteran e dificultan compatibilizar o transporte ferroviario cos horarios laborais».

«Esta decisión vén relacionada coa prioridade estabelecida polo executivo do Estado de adaptar todas as liñas e frecuencias ás conexións do AVE con Madrid en detrimento das conexións internas na Galiza», denuncia o deputado nacionalista, que enmarca isto «no progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios» na comunidade.

Esta liña era moi empregada pola mocidade, sobre todo estudantes, para desprazarse semanalmente desde a Universidade até os seus domicilios e pasar alí a fin de semana. «Mais, agora, esta posibilidade desapareceu polo que só resta o transporte por estrada e os vehículos privados», lamenta Rego, que pide «que se recuperen esta e o resto de liñas, horarios e frecuencias que o executivo estatal eliminou».

ASÍ AFECTA A ELIMINACIÓN DESTE BILLETE CON ENLACE:

Deixar un comentario