Eiquí Eólicos Non alerta de dous novos proxectos eólicos que afectan ao Courel

REDACCIÓN | QUIROGA


A plataforma Eiquí Eólicos Non alertou do anuncio de dous novos proxectos para a instalación de parques eólicos que afectan a municipios como Folgoso do Courel. Denomínanse Umbrío e Ralea.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou estes anuncios o pasado xoves 20 de xaneiro, para sometelos a información pública. Estes dous proxectos están promovidos por Green Capital Power, filial do grupo Capital Energy, e únense a un terceiro parque, chamado Eco e de 72 MW.

O parque eólico Ralea, de 138 MW, contaría con 23 aeroxeradores de 6 MW de potencia nominal unitaria, pero ningún deles se instalará en Folgoso do Courel, senón nos concellos leonenes de Barjas, Corullón e Oencia. Con todo, o proxecto recolle tamén O Courel e Trabadelo (León) entre os municipios afectados pola infraestrutura do parque.

Eólicos no Alto do Faro
Aeroxeradores na Serra do Faro / Arquivo DDQ

Pola súa banda, o parque eólico Umbrío, cunha potencia de 114 MW, afecta a Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro, na provincia de Lugo, e Barjas e Vega de Valcarce, en León. Instalará 19 aeroxeradores de seis MW e unha altura de 115 metros.

A plataforma Eólicos Eiquí Non pide aos concellos afectados «que se posicionen publicamente e actúen como parte agredida e como representantes dunha poboación que será gravemente perxudicada polo que suporía unha irreversíbel afectación». Ademais, solicitaron ao Xeoparque «que rexeite publicamente o impacto dos parques eólicos».

Así mesmo, consideran que o recente nomeamento pola Unesco do Courel, a Ribeira Sacra e as serras do Iribio como a sétima reserva da biosfera galega «é un argumento máis para que as administracións públicas defendan este territorio e a súa poboación».

Deixar un comentario