Unha libraria en Quiroga

Sete tendas en Quiroga nas que empregar os bonos desconto de 30€ da Xunta

REDACCIÓN | QUIROGA


Dende este luns 3 de maio os galegos e galegas xa poden descargar os bonos desconto para consumir no comercio galego a través da iniciativa Bonos Activa Comercio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O obxectivo deste programa, que conta cun orzamento de 10 millóns de euros, é reactivar o comercio local dinamizando as vendas nos establecementos de proximidade. Pretende chegar a 330.000 clientes e mobilizar uns 55 millóns de euros.

Os clientes interesados deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal e poderán descargar os bonos desconto de 30 euros a través dunha aplicación móbil.

O importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra: as compras iguais ou superiores a 30 euros terán un desconto de 5€, mentres que ás compras iguais ou superiores a 50 euros correspóndelles un desconto de 10€.

Nestes momentos hai máis de 2500 establecementos adheridos en toda Galicia que contan cun distintivo que os identifica como participantes neste programa. A tipoloxía que suma un maior número de negocios é a de vestido e toucado.

Libería Celia, Etna, Coidámoste, Secinga, Xobel, Z&C e Aljayde son os sete establecementos de Quiroga que decidiron participar. En Ribas de Sil e Folgoso do Courel aínda non se rexistrou ningún. Porén, os comerciantes interesados aínda están a tempo de adherirse xa que o prazo permanece aberto ata o 15 de maio.


Unha libraría de Quiroga, nunha imaxe de arquivo / DDQ

Deixar un comentario