Un proxecto estuda dende Quiroga o uso de cascallos de lousa no pé das cepas

REDACCIÓN | QUIROGA


Un pioneiro proxecto de carácter nacional está a estudar dende Quiroga o beneficio do cascallo de lousa no pé das cepas. O departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade Politécnica de Lugo estase a encargar da súa xestión e cando remate esta colleita poderán empezar a sacar as primeiras conclusións.

Os obxectivos son controlar a vexetación e reducir a cantidade de auga que precisan. Do primeiro despréndese un aforro de man de obra en rozas, na aplicación de herbicidas ou o emprego de produtos menos agresivos. Por outra banda, buscan conseguir unhas cepas máis nutridas e resistentes ás enfermidades relacionadas coa humidade ambiental, como o mildiu ou o oidio.

O proxecto, de tres anos de duración, está nunha fase na que está a tomar impulso, di un dos seus responsables, Javier Cancela, pois forma parte dun plan conxunto que están levando a cabo equipos de investigación das universidades de Badaxoz, Albacete e Valladolid.

Contan tamén co Instituto de Ciencias do Viño de Logroño, dependente do CSIC, que se encarga da determinación aromática de todas as uvas incluídas no proxecto conxunto.

UNHA VIÑA NA CARBALLEIRA

A colocación de cascallo de lousa nunha viña de Jose García Mondelo na zona da Carballeira, parroquia do Hospital, en xullo do ano 2019 foi o inicio do proxecto. A partir de aí, xa foi o campus de Lugo o que se encargou de colocar ondas para poder medir a humidade do terreo cada dez días e estudar como medra a vexetación.

Un operario colocando lousa nas cepas desta viña / Arquivo Diario de Quiroga

O seguinte paso foi instalar unha estación meteorolóxica na viña, que, ademais de medir parámetros meteorolóxicos, presta atención á humidade do solo ou, incluso, á das follas das cepas para lograr información máis adecuada de cara ás doses de rega.

A pasada semana traballouse nunha nova instalación dos tratamentos de rega que permita diferenciar as plantas de cada dosificación, posto que hai zonas que se regan todos os días, outras dúas veces á semana, outras unha vez á semana e outra que non se rega.

Esta última é o denominado “tratamento control”, xa que permite comparar a evolución das vides regadas coa que non recibe ningún tipo de tratamento. En vindeiros días reforzarase a capa de cascallo de lousa, que nun primeiro momento se colocou cun grosor duns dez centímetros. Co novo reforzo estará entre os quince e os vinte.

O Campus lucense, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, está estudando tamén co Clúster da Pizarra este asunto, pois outra das utilidades que ten é o aproveitamento dos cascallos de lousa.

Deixar un comentario