As actuacións ao abeiro do Plan Único na comarca custarán 918.000 euros

REDACCIÓN | QUIROGA


A Corporación provincial aprobou por unanimidade a relación de actuacións que os concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2021. En total, estes proxectos suporán unha inxección de preto de vinte e catro millóns de euros. O importe total das accións que se leven a cabo nos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel será de 918.474 euros.

Os municipios terán que priorizar os investimentos, aos que se dedicará o 70% do total dos fondos; seguido da creación de emprego, 3,5 millóns para crear 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben tres millóns para atender máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 800.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da Covid-19.

O presidente da Deputación, José Tomé, subliñou a importancia de darlle o visto bo a estas actuacións no mes de marzo porque «nunca antes se fixo con tanta antelación, o que permite que os concellos se organicen mellor e teñan máis tempo para desenvolver as actuacións».

QUIROGA

O importe total das accións a desenvolver en Quiroga ascende a 397.880 euros, dos que a Deputación aporta uns trescentos cincuenta mil. Deles, a partida con maior dotación económica é a destinada ao SAF, seguida da dirixida ao fomento de emprego. Tamén se realizarán melloras no abastecemento de auga en varios puntos, así como dos accesos municipais en máis de corenta núcleos do municipio. Asfaltaranse camiños noutras poboacións, así como na rúa Lago.

En materia de deportes, actuarase no campo de fútbol San Martiño e na pista deportiva da rúa Ánxel Fole. Para rematar o porche do Museo Xeolóxico destinaranse doce mil euros, mentres que no Etnográfico investiranse dezaoito mil euros para adquirir os materiais para a primeira fase da súa ampliación. O Plan Único tamén contempla unha cantidade para subministrar materiais para acondicionar o centro social da Ribeira para acoller o centro de atención temperá.

FOLGOSO DO COUREL

Os proxectos do Plan Único en Folgoso do Courel elévanse aos 280.000 euros. Entre as actuacións proxectadas: pavimentar as rúas de Seceda e Miraz e o acceso a Eiriz, diferentes melloras nos accesos á igrexa de Esperante e ao núcleo de Parada, a adquisición dun dúmper, o SAF e accións dirixidas ao fomento de emprego. Precisamente, para estas últimas vai dirixida a partida de maior cantidade, máis de corenta e sete mil euros.

RIBAS DE SIL

O Xeocamping de San Clodio leva a maior partida do total dos fondos dos que se beneficia Ribas de Sil do Plan Único, cuxos proxectos elévanse a un importe total de 240.799 euros. En concreto, irá destinada á ampliación do edificio do vestiario e a mellora da urbanización na que se sitúa o futuro camping. O fomento de emprego recibe unha cantidade similar.

Outras actuacións contempladas son melloras nunha ruta en Torbeo, unha intervención na entrada ao núcleo de Os Casares, adquirir materiais para mellorar diferentes espazos e a rede de auga en Moreiras do Medio. o SAF e, por último, administración electrónica e protección de datos.

Deixar un comentario