A USC premia unha curta filmada en Quiroga sobre o despoboamento do rural

Os VIII Premios de pezas audiovisuais curtas do cinema de real Somos a curta!, que convoca a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), galardoaron a curta Quen seiturará? co primeiro premio deste certame na súa edición de 2019. A peza foi elaborada por Adela Otero Vázquez e filmada en Quiroga.

A curta aborda a problemática do despoboamento do rural e está localizada en Montefurado. «As aldeas quedan baleiras, só ocupadas por persoas maiores que manteñen con forza a pouca vida que queda. Lugares que no seu día foron fonte de ledicia, de traballo, de vida… e dos que só quedan os recordos de quen segue en pé para contalos», explica a autora de Quen seiturará?

O premio está dotado con 500 euros e mais un diploma honorífico e o xurado estaba composto por Antía López, presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación e mais outros tres membros desta entidade.

Xa está en marcha unha nova edición, a de 2020, destes premios cuxos obxectivos son promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos e artísticos dos estudantes galegos e promover a análise da realidade galega a través do audiovisual.

facebook

Deixar un comentario