Pena do Ladeiro, un lugar para gozar da paisaxe do Xeoparque

O espectacular punto de observación de Pena do Ladeiro está incluído na ruta de xeomiradoiros do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Está localizado no termo municipal de Ribas de Sil, na estrada que vai de Rairos cara a Torbeo, á marxe esquerda do canón do río Sil, todo un prodixio de arquitectura natural.

O miradoiro conta con dous paneis informativos, que explican con detalle o que se pode contemplar dende ese lugar, como os pregamentos representados no relevo pola deformación das capas da cuarcita armoricana, dando lugar a unha escarpa rochosa.

Pregamentos desde Pena do Ladeiro - DIARIO DE QUIROGA.png

Estes pregamentos, segundo se precisa nos carteis, forman parte do sinclinal do Sil, unha gran estrutura que percorre o extremo sur do territorio do Xeoparque e que forma parte dun conxunto de pregues xerados durante a oroxénese Varisca -380 a 280 millóns de anos-, a finais do Paleozoico

Ademais, este xeomiradoiro é excepcional para contemplar a desembocadura do río Lor no Sil e como formou un abanico aluvial do que se preservan algúns depósitos, de cor vermella, que conteñen ouro procedente da erosión da cunca alta do río Lor.

Desembocadura Lor Sil desde Pena do Ladeiro - DIARIO DE QUIROGA.png

A existencia destes depósitos sedimentarios permitiron o aproveitamento romano do ouro nas minas das Covas, Augas Mestas e Castro de Abaixo.

banner - facebook - xeoparque

Deixar un comentario