«Sororidade» foi o lema da cea de mulleres de Quiroga máis concorrida

Hai sete anos, na primeira cea do Día da Muller celebrada en Quiroga, asistiron menos dunhas vinte persoas. A celebrada este sábado no restaurante Lar de Torrenovaes contou coa presenza de 82 mulleres maiores de 16 anos da comarca de Quiroga.

«Crece o movemento de mulleres de Quiroga», celebraba Ana Núñez, concelleira de Benestar e Igualdade de Quiroga, que foi a encargada de dar a benvida ás asistentes a este acto, que se celebra para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, instaurado pola ONU no 1975.

8 MARZO CEA MULLERES QUIROGA 2020
Ana Núñez, concelleira de Benestar e Igualdade / DdQ

O lema escolleito este ano para esta actividade foi «sororidade», un termo que, segundo Núñez, o dicionario define como «amizade ou afecto entre mulleres; relación de solidariedade entre mulleres, especialmente na loita polo seu empoderamento».

A cea rematou coa actuación do dúo ourensán Soul & Roll, formado pola cantante Tamara Pérez e o guitarrista Miguel Araujo, e con varios sorteos de produtos da Bodega EDV, de Margaride e dirixida por unha muller, Sandra Macía. Todas as asistentas levaron como agasallo un produto deseñado por outra quiroguesa Belén Maseda, co lema «Son quen».

MÁIS ACTIVIDADES. Este domingo, o propio día da conmemoración, haberá unha concentración silenciosa na Praza de España de Quiroga, ás 18:00 horas.

Mañá luns comezarase a pintar na fachada do pavillón municipal un mural. A idea era telo rematado durante esta semana para ser inaugurado este pasado venres, pero as condicións meteorolóxicas non o permitiron.

Tamén terá como tema a sororidade e a obra correrá a cargo de Abi Castillo, pintora, ilustradora e escultora. Castillo é coñecida por, entre outros traballos, os seus debuxos en dúas camisetas que a firma Zara puxo á venda o pasado verán, así como ilustracións nos calendarios da entidade financeira Abanca.

https://www.facebook.com/pg/diarioquiroga/photos/?tab=album&album_id=1079964669031091

Deixar un comentario