Un novo comezo para a Banda Folk de Ribas de Sil

No mes de xuño do pasado 2019 os naquel entón membros da Banda Folk de Ribas de Sil anunciaban a súa despedida tras 5 anos de numerosos concertos e «magníficas experiencias». As causas dese adeus eran principalmente as dificultades que empezaban a ter moitos dos integrantes do grupo ao non poder compatibilizar os seus traballos ou estudos cos ensaios necesarios. Unha situación que non era nova no municipio, que xa contara no pasado con outra banda de folk que igualmente tivera que parar de tocar por razóns similares.

Agora, co inicio do novo ano, a música volve soar máis forte que nunca en Ribas de Sil. Un grupo duns oito rapaces e rapazas, que xa asistían a clases de música no municipio, toma as rendas da Banda Folk nesta terceira etapa. Tras un mes de ensaios intensivos e diarios, o pasado luns día 6 ofreceron o seu primeiro concerto, que tivo lugar na igrexa parroquial de San Clodio dentro das actividades programadas para o Día de Reis.

Á fronte do grupo está de novo Roberto Castro, que se marca por obxectivo «seguir coa tradición e co mesmo esquema: unha pequena formación de música tradicional galega con instrumentos tamén tradicionais». O director da banda tamén destaca o «investimento do concello ao longo destes vinte anos» grazas a diferentes subvencións, que posibilitou a adquisición de numerosos instrumentos e un equipamento de calidade. «Ao contar con medios propios non hai que alugar nada, que encarecería moito os concertos», subliña.

FB_IMG_1578988144195.jpg
Os novos membros durante un ensaio / Concello de Ribas de Sil

Héctor, de tan só 7 anos, é o máis pequeno da banda. «Toca cunha das baterías pequenas porque aínda non lle chega á grande», explica Roberto que, con todo, celebra «a temperanza e tranquilidade» que demostrou no concerto debut do mesmo xeito que o resto dos seus compañeiros e compañeiras. Castro confía en que estas aptitudes que demostran os membros da nova formación posibiliten que poida alcanzar a calidade musical e nivel de aceptación de público da anterior banda, «sería ou meu soño», recoñece.

Para o futuro, Roberto pensa en incluír fundamentalmente temas novos e mesmo compoñer novas cancións. O grupo aínda está a comezar e é por iso que segue aberto a novas incorporacións.

Xeoparque Montañas do Courel

Un dos temas interpretados durante o transcurso do primeiro recital foi «Montañas do Courel», obra da anterior formación e composto coa intención de apoiar o que naquel momento aínda era o proxecto en busca de que a UNESCO nomease á zona como xeoparque mundial. Neste sentido, Roberto asegura que pensan seguir empregando a música «como pretexto para poñer en valor o xeoparque».

facebook

Imaxe: Puri Fernández

Deixar un comentario