Novas actuacións de investagación e promoción para o Xeoparque

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación Montañas do Courel, Roberto Castro, asinaron dous convenios de colaboración para continuar potenciando o Xeoparque Mundial das Montañas do Courel como destino turístico da provincia.

Coa fin de difundir a riqueza natural deste espazo, a Deputación achega un total de 50.000 euros para diversas actuacións de investigación, posta en valor e promoción das Montañas do Courel. Entre elas inclúense accións para a datación dos glaciares, a edición dunha publicación científica e a creación dun mapa cartográfico, un sistema de información xeográfica e imaxe 3D das formacións xeolóxicas desta montañas.

Esta colaboración tamén abrangue o financiamento de diversas accións de promoción e divulgación, como xornadas, o desenvolvemento da Semana dos Xeoparques e a asistencia a eventos, congresos e foros nacionais e internacionais para dar a coñecer o proxecto Xeoparque Montañas do Courel. Tamén se editará material promocional deste enclave da provincia de Lugo.

As Montañas do Courel convertéronse no pasado mes de abril no primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España declarado pola UNESCO integrándose así nunha rede formada por soamente 141 territorios de todo o mundo.

Deixar un comentario