O GDR Ribeira Sacra Courel resolve a terceira concesión de axudas do Leader

A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra Courel, na reunión celebrada o pasado venres en Folgoso do Courel, vén de resolver a terceira concesión de axudas do programa Leader 14-20 que está a xestionar nos 13 concellos que o integran (Bóveda, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, As Nogais, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, O Saviñao, Sober e Triacastela).

En total foron concedidas novas axudas a un total de 26 proxectos, que suporá un investimento total de 1.902.513,05 € e recibiran axudas Leader por un importe total de 867.673,11 €. Dende o GDR agardase que esta terceira resolución de proxectos Leader sirva de «estímulo para animar aos potenciais promotores de novos proxectos para a convocatoria de axudas para o 2020». Unha convocatoria para a cal o prazo de presentación de axudas está aberta ata o vindeiro 31 de marzo de 2019.

Afondamos máis no listado de proxectos aprobados nesta terceira concesión de axudas do programa Leader. Dentro dos proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas está a climatización do Centro de Interpretación das Covas en Meiraos (Folgoso do Courel) cun orzamento próximo aos once mil euros. En Ribas de Sil hai outros dous proxectos: un consiste no acondicionamento da zona de despegue de voo en parapente do Alto do Coto, zona de Torbeo, e outro o parque infantil na Fonte da Prata, en San Clodio. Para estas accións, o orzamento aceptado foi de 12.535,12 € e de 14.345,17 € respectivamente.

En canto aos proxectos non produtivos promovidos por entidades privadas está o festival de música jazz e blues Courel Son. A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, promotora do evento, viuse beneficiada con 3.630 €. A M.V.M.C. Mazo Santigoso recibirá 21319,84 € pola rehabilitación de capela da citada aldea e o seu entorno.

Por último, entre os proxectos produtivos aprobados atopamos varios relacionados con Quiroga. A empresa Tourgalia (333.377,06 € para a posta en marcha do Hotel Restaurante O Estanco en Quiroga), Ramos Metal (50.060 € para a adquisición de maquinaria para diversificación de actividade), Lavaseda SL (40.531,59 € para a creación dun novo centro de traballo, unha lavandería autoservizo en Quiroga) e Talleres Quiroga 2016 (271.999,87 €).

Imaxe: A posta en marcha do Hotel Restaurante O Estanco en Quiroga é un dos proxectos con maior dotación económica

Deixar un comentario