Socratea abrirá un aloxamento no edificio do ”Estanco” de Quiroga

O Grupo Socratea vén de oficializar a compra do edificio do ”Estanco”. Trátase dun inmoble con moita historia en Quiroga no que agora pretenden levar a cabo traballos de renovación para, nun futuro, poñer en marcha un aloxamento e mais un restaurante. Un cartel informativo colocado no edificio informa xa desta operación.

As obras a realizar, que se prolongarán durante máis dun ano, baséanse na restauración da fachada, aínda que precisan que conservarán a historia do edificio, e unha restauración interior, que consistirá na habilitación dun aloxamento con capacidade para 36 prazas e un restaurante con salón e terraza interior.

socratea-aloxamento-restaurante-o-estanco-quiroga-2.jpg
Edificio do Estanco, trátase dun inmoble con moita historia en Quiroga. / DdQ

É, sen dúbida, unha excelente nova para Quiroga e para o Xeoparque das Montañas do Courel, un territorio que non destaca precisamente por unha grande oferta hostaleira, principalmente no eido hoteleiro. Este novo establecemento, O Estanco, unirase a outros como o Albergue municipal, con 150 prazas divididas en 32 habitacións, e aos varios hostais e casas rurais distribuídas por todo o concello.

Socratea, empresa de referencia na xestión de servizos de hostalaría, turismo e educación, componse de tres marcas: Peares (o primeiro centro de inmersión lingüística de Galicia, situado no corazón da Ribeira Sacra), Tourgalia (empresa que xestiona o Albergue de Quiroga e a Casa Ferreiro de Seoane e que organiza actividades polo Courel e diversas probas deportivas, como o Quiroga Trail Challenge) e Kokico (empresa de alimentación que basea o seu servizo na comida de sempre e nun trato personalizado).

banner - facebook - quiroga

Deixar un comentario