Todo preparado para a sexta concentración do Motoclub A Curuxa

O Motoclub A Curuxa celebra dende este venres e durante toda a fin de semana unha nova edición da súa Concentración Mototurística, a deste ano é a sexta.

Caracterizada por ter un programa moi completo, son días marcados no calendario de todos os amantes do mundo das dúas rodas. E non só da comarca quiroguesa, porque a esta xuntanza moteira chegan cada ano persoas desde moitos puntos do país e tamén desde Portugal. Miguel Ángel Garrido, presidente do motoclub, explica que buscan «facer unha festa para toda a comarca».

A edición deste ano terá moi presentes aos nenos e nenas. E é que, desde o ano pasado, e sabedores das dificultades para conciliar a vida familiar con este hobby, A Curuxa inclúe no seu programa moitas actividades destinadas aos máis pequenos da casa. «Son as novas xeracións, e tamén hai que ir facendo escola», engade Garrido.

Un dos actos centrais, e que congregan a maior cantidade de moteiros e veciños, serán as dúas exhibicións Stunt Show, que terán lugar o sábado a partir das oito da tarde. Esta actividade correrá a cargo de Acuko e de Narcís Roca, especialistas no mundo do espectáculo.

O Motoclub tamén se veu envorcando durante todas as edicións co Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Miguel Ángel Garrido explica que poder colaborar co Xeoparque «é algo que nos emociona moito». Este ano contarán cun roteiro que transcorrerá por varios xeomiradoiros do territorio. Haberá outros dous roteiros: o primeiro será o venres pola noite para homenaxear aos caídos e o segundo será o sábado pola mañá pola Ribeira Sacra.

Ademais haberá numerosas actuacións musicais -Los Iñigos, Dani Barreiro & Friends, DJ Michel e o grupo de música tradicional Os do Recanto-, un circuíto de pitbikes e outro de correpasillos para os nenos, un espazo para tatuaxes, zona de acampada ao aire libre, mercado moteiro, foodtrucks, etc.

O espectáculo está asegurado. Desde hai semanas a maioría de aloxamentos da zona de Quiroga e San Clodio teñen todas as súas prazas hostaleiras reservadas.

Deixar un comentario