En marcha os campamentos de verán de Quiroga con preto de 50 nenos e nenas

Este luns comezaron en Quiroga os campamentos de verán organizados a través da Área de Educación e Infancia para os meses de xullo e agosto. Preto de medio cento de nenos e nenas de entre 4 e 12 anos comezaron esta actividade divididos en tres grupos de idade.

Nos campamentos realízanse actividades moi variadas, como obradoiros de plástica, xogos de mesa, traballos manuais, repaso escolar, inglés, etc. Realizarán deportes e, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a xornada remata todos os días nas piscinas municipais, onde practicarán natación e diversos xogos e xincanas na auga. Tamén dedicarán algún día á visita dos museos da vila.

As actividades de verán están dirixidas para tódolos nenos e nenas nacidas entre os anos 2007 e 2015 e desenvólvense en horario de 11:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

Os campamentos teñen aberta a súa inscrición para facilitar o ingreso daqueles nenos e nenas que chegan a Quiroga durante o verán. As persoas interesadas en inscribir ós seus fillos só deben pasar pola Casa da Cultura ou chamar para ser informados de todos os detalles e anotar aos cativos.

Teñen un custo por neno de 25 €/mes para empadroados e de 35 €/mes para non empadroados. Os irmáns que asistan ós cursos terán un desconto de 5 €/mes por irmán. Os asistentes de menos de 15 días pagarán 13 €/semana.

Imaxe: Visita da concelleira de Educación e Infancia, Loli Sánchez, e do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, para entregarlle aos nenos e nenas participantes unha mochila como agasallo. / Prensa Concello

Deixar un comentario