O enólogo Paul Hobbs chama a apostar polos viños de calidade nun acto en Quiroga

REDACCIÓN | QUIROGA


O enólogo estadounidense Paul Hobbs visitou Quiroga para participar nun encontro con adegueiros e veciños interesados no proxecto vitivinícola que desenvolve dende o ano 2015 na aldea de Alvaredos, da man de Antonio López. Durante a conferencia, que espertou moito interese, Hobbs explicou como xurdiu a súa aposta por producir viños neste núcleo situado na parroquia de Montefurado.

Sinalou que en Estados Unidos hai un gran descoñecementos dos viños galegos, principalmente por ignorancia, pois adoitan sorprenderse no momento no que descubren esta terra, os seus caldos e todo o potencial que agocha.

En relación ao proxecto de Alvaredos-Hobbs, sinalou que os grandes proxectos desenvólvense ao longo de 20 ou 25 anos e que teñen que loitar moito máis para situalo no lugar onde considera que merece estar. Para iso, este prestixioso enólogo estadounidense chamou a traballar para lograr viños de calidade e poñer este obxectivo por riba do da cantidade.

A asociación Quiroga en Marcha, que impulsou o evento, quixo agradecer a acollida desta actividade, que tivo que cambiar de escenario ao constatar o grande interese que xerou este encontro. Hobbs agradeceu a invitación e salientou a importancia deste tipo de actos para fomentar a unión da comunidade local e o coñecemento da zona.

O salón de actos da casa da cultura da localidade estivo cheo para escoitalo. Ademais de numerosos adegueiros da contorna e veciños da zona, asistiu o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o presidente da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, e o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera.

Deixar un comentario