O torneo amigable do Quiroga Volei contou coa presenza de Carolina Camino

REDACCIÓN | QUIROGA


O Quiroga Volei organizou este sábado un torneo amigable dirixido ás categorías infantil, cadete e xuvenil no que, ademais do club local, participaron tamén o Ribeira Sacra e o San Martiño Dompa O Barco. Tanto participantes como organización e asistentes coincidiron en cualificar de “éxito” este torneo, que non tiña carácter competitivo.

Os partidos comezaron arredor das 9:30 horas e prolongáronse ata as dúas da tarde. Foi entón cando chegou o momento da entrega de medallas para todas as participantes, que contou con dúas convidadas de luxo. Por unha banda, a xogadora quiroguesa Carolina Camino, internacional absoluta coa selección española, que é un espello para moitas das xogadoras do Quiroga Volei.

Foto final das participantes do torneo / DdQ

Pola outra, a capitana do combinado nacional, Patricia Aranda, que compartiu vestiario con Camino durante a última tempada no Arenal Emevé lugués. Aranda leva máis de dúas décadas na elite do voleibol nas que deu mostras do seu talento en países como España, Francia e Perú.

Nos campionatos de todos eles acabou levando o galardón de mellor colocadora, ademais do recoñecemento de público e rivais. Tamén foi designada MVP dunha liga tan esixente como a gala e da Copa da Raíña que o CV Haris gañou hai tres tempadas no Municipal de Lugo.

A nivel colectivo, o seu palmarés conta cunha Liga Iberdrola, tres Copas da Raíña, dúas Supercopas de España e segundos postos na Challenge Cup, a liga francesa e a liga peruana. A dimensión de Patricia Aranda no vóley mundial sitúaa no Top 1000 de todos os tempos do portal Volleybox, un mérito que só comparten outras sete xogadoras españolas na historia.

Unha xogadora do Quiroga Volei remata / DdQ

A presenza de Carolina Camino e Patricia Aranda xerou grande expectación entre as participantes do torneo, que tomaron numerosas fotografías con elas ao remate dos encontros.

Deixar un comentario