A Mostra do Aceite contará con sete olivicultores e xa ten pechado o programa

REDACCIÓN | QUIROGA


A Mostra do Aceite de Quiroga, que se celebrará o domingo 21 de abril no lugar das Farrapas, en Bendilló, xa ten pechado o programa. A recreación da elaboración tradicional no muíño e a venda do aceite de oliva de Quiroga serán os puntos centrais desta Festa de Interese Turístico de Galicia que comezará ás once e media da mañá.

Sete son os olivicultores que participarán na mostra deste ano. Trátase de Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Aceiroga, Jesús Arias Rodríguez, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.

A novidade desta edición será a degustación comentada dos aceites de Quiroga na Capela das Farrapas. Esta actividade terá prazas limitadas e soamente se precisa anotarse antes do seu inicio no mesmo lugar de celebración. Para facilitar o maior número posible de participantes, celebraranse dúas quendas, unha ás doce do mediodía e a outra a unha.

Non faltará a música tradicional, que virá da man do grupo de gaitas de Quiroga O Recanto, do grupo Merenzao.

Deixar un comentario