REDACCIÓN | QUIROGA
Máis de 900 persoas xa se inscribiron para participar na novena edición de Quiroga Trail Challenge dende que abriu o prazo, o pasado 30 de outubro. A proba terá lugar os días 4 e 5 de febreiro de 2023.
Os incendios sufridos o pasado mes de xullo na zona non impedirán que este evento deportivo siga adiante. E os corredores responderon unha vez máis á chamada desta proba deportiva, posto que xa están cubertas todas as prazas do Trail do Castelo Fisiosport (25 quilómetros), do Circuito Ultra (88) e do Ultra do Castelo Casa de Outeiro (61).
Con “máis ganas que nunca”, o Club Deportivo Montouto e o Concello de Quiroga asumen o reto de reinventarse e crear novos percorridos. Coa intención de manter, no posible, o percorrido, pero sen transitar zonas afectadas polo lume, a organización optou por unir Castelo e Lor dando como resultado un Ultra Trail de 88 quilómetros.
Esta vez será en sentido contrario ao de anos anteriores no percorrido do Lor, pero superando a súa dureza e nivel técnico. Deste xeito, os participantes poderán gozar dos lugares máis inexplorados do Xeoparque Montañas do Courel.
Todo isto sen esquecer aos corredores de distancias máis curtas ou aqueles que se inician nas carreiras por montaña para os que, como sempre, Quiroga Trail Challenge ofrece unha ampla variedade de distancias.
O catro de febreiro no Trail do Castelo Ultra de 88 quilómetros, Maratón de 44, Trail de 25, Mini Trail de 17 e Andaina de 17; e o domingo 5 de febreiro no Trail do Lor Trail de 25 quilómetros e Mini trail de 15.
Espérase unha gran afluencia de corredores, do mesmo xeito que na pasada edición na que se chegou a 1.350 participantes, esgotando o total de prazas dispoñibles e esgotando todas as prazas hostaleiras nun radio de 30 quilómetros.