A derruba dun túnel subterráneo da canteira, principal hipótese do desprendemento da LU-651

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Un desprendemento arredor das 13:00 horas deste domingo levou por diante uns 200 metros da estrada autonómica LU-651, á altura do quilómetro 18, impedindo a circulación entre os concellos de Folgoso do Courel e Quiroga.

A mellor noticia é que non hai que lamentar danos persoais. «Por sorte non hai ningún ferido», indicou Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, en declaracións recollidas pola Radio Galega.

Polo momento, dixo, é pronto para buscar as causas do incidente, aínda que confirmou que a hipótese principal é que se poida deber a «algún túnel da canteira que hai ao lado e que estaban tapiando», indicou.

A LU-651 é de titularidade autonómica, polo que serán os técnicos da Xunta de Galicia os que deberán estudar os motivos do derrubamento deste tramo da vía que conecta os municipios de Quiroga e Folgoso do Courel.

«Mañá mesmo os técnicos comezarán a traballar inmediatamente para deseñar as futuras actuacións para restablecer o servizo nesta vía autonómica», explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, que se desprazou ao lugar do suceso.

O Goberno galego indica que informará nos próximos días do alcance da actuación necesaria para abrir de novo ao tráfico esta estrada.

Deixar un comentario