Estación de tren San Clodio - Quiroga

Regresa o billete con enlace das tardes ata San Clodio, pero cunha viaxe máis longa

REDACCIÓN | QUIROGA


Renfe volveu poñer á venda na súa páxina web o billete con enlace para viaxar polas tardes dende as cidades da Coruña e Santiago de Compostela a San Clodio – Quiroga, aínda que a nova conexión pouco ten que ver con como era a viaxe antes da restruturación horaria provocada pola chegada do AVE a Galicia.

A VIAXE

Como xa ocorría antes dos cambios de horario pola alta velocidade, para esta viaxe hai que tomar dous trens. O primeiro, un Avant que une A Coruña, Santiago e Ourense. Na Cidade das Burgas, os viaxeiros deben baixar deste primeiro tren e cambiar de andén para continuar o traxecto no Rexional Exprés procedente de Vigo, que chega a San Clodio ás 17:20 horas.

SAÍDA

Antes dos cambios, o Avant saía ás 15:30 dende A Corula e ás 16 horas dende Compostela. Agora, a saída adiántase dúas horas: o Avant sae ás 13:30 dende a cidade herculina e para ás 14 horas na capital galega.

MÁIS DUNHA HORA DE ESPERA

As modificacións nos horarios non permiten coller o Rexional nada máis chegar a Ourense no Avant, como ocorría antes. Cos horarios vixentes dende decembro, o Avant chega a Ourense ás 14:38 horas e o Rexional Exprés sae ás 15:56. É dicir, cómpre agardar máis dunha hora na estación ourensá.

CHEGADA

O Rexional Express paraba na estación de San Clodio – Quiroga arredor das 18:10 horas ata finais de decembro. Dende entón, chega ás 17:20 horas. É dicir, o tren sae dúas horas antes de Compostela, pero non chega a Quiroga dúas horas antes, só 50 minutos, o que nos leva ao seguinte punto, o incremento da duración da viaxe.

DURACIÓN

Dende Compostela á comarca, a viaxe duraba sobre dúas horas e dez minutos ata a chegada do AVE, dende as 16 horas ata as 18:10, sen ter en conta os habituais retrasos que se producían no Rexional Exprés. Porén, a duración do traxecto dende a capital galega a Quiroga increméntase agora ata as 3 horas e 20 minutos; e ás case catro horas para quen inicie viaxe na Coruña.

ALTERNATIVA

A alternativa a esta longa viaxe segue a ser o tren Alvia que vai cada mañá dende Galicia cara a Barcelona. Este tren de longa distancia sae da Coruña ás 8:05 horas, pasa por Santiago (8:34) e Ourense (9:16) e chega á estación de San Clodio – Quiroga ás 10:19 horas.

DIFERENZAS

É dicir, se escollemos o Alvia das mañás para viaxar de Compostela a Quiroga completamos a viaxe nunha hora e 45 minutos. Pola contra, se queremos viaxar de tarde, realizar o mesmo traxecto levaranos tres horas e 20 minutos.

PREZO

Os prezos para este traxecto na páxina web de Renfe adoitaban variar, tamén dependendo da data de compra. O prezo que marca a compañía ferroviaria para viaxar a San Clodio dende A Coruña este mércores día nove vai dende os 28 euros (consultado ás 17:30 horas do luns día sete). Dende Santiago pódese viaxar dende 21 euros.

PROBLEMA COMÚN

Este problema, derivado dunha reconfiguración horaria para mellorar a conexión coa alta velocidade, non afecta só á estación de San Clodio – Quiroga, senón a outras situadas na zona sur da provincia e tamén á comarca veciña de Valdeorras e ao Bierzo.


Imaxe de arquivo / Protesta do BNG na estación de San Clodio

Deixar un comentario