Castro da Torre no Courel, un poboado mineiro do século I d.C. que gaña visitantes

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


O Castro da Torre de Sobredo, no municipio de Folgoso do Courel, é un poboado fortificado de nova planta construído no século I d.C. Tal e como se recolle nos paneis instalados xunto ao complexo, o seu obxectivo foi o de funcionar como punto de control de paso ás numerosas explotacións auríferas da súa contorna. Tras uns anos de abandono, vólvese ocupar no século IV d.C.

Está situado sobre un esporón de lousa a algo máis de 300 metros do río Lor, ten unha superficie de 6.000 metros cadrados (inclúe varios fosos) e foi edificado maioritariamente con lousa, tanto as construcións do interior do castro como as dúas liñas de murallas que reforzaban as defensas naturais do castro.

O acceso é doado. Na estrada entre Folgoso e Seoane do Courel hai que coller o desvío cara a Sobredo e máis adiante, de camiño a este lugar, un cartel indica a subida ao castro, que se debe facer a pé. Trátase dun sendeiro con moita pendente que permite chegar aos paneis informativos e á construción. Cada vez son máis as persoas que se achegan a visitalo.

A maior parte dos castros das bacias do río Lor xurdiron coa chegada dos romanos, entre os séculos I e II da nosa era, segundo a información instalada xunto ao Castro da Torre. Os poboados tiñan diferentes funcións, pero adoitaban estar relacionados.

Deixar un comentario