Unha fortaleza sobre o túnel de Montefurado para aloxar tropas no século XIX

REDACCIÓN | QUIROGA


A Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa custodia os planos dunha fortaleza, coñecida como castelo da Pena do Corvo, que se levantaba sobre o túnel romano de Montefurado, en Quiroga.

O párroco Jesús Río Ramilo, moi interesado pola historia da comarca, pensa que esta construción comezou a levantarse despois de 1809, posto que ese ano foi cando pasaron pola comarca as tropas francesas.

Aínda que está documentado que en Montefurado houbo unha escaramuza entre os locais e as tropas napoleónicas, nada se fala desta edificación, seguramente de moita utilidade pola súa posición estratéxica.

Plano da planta da fortaleza. En azul, o río Sil / Biblioteca Virtual de Defensa

Foi Río Ramilo quen reparou durante a súa busca de documentación sobre heráldica de Quiroga nestes planos, que datan de abril de 1811. Nunha memoria militar atopado xunto a eles, explícase que, dende Valdeorras, os únicos puntos polos que cruzar o Sil, un río «caudaloso e encaixado entre montañas», son Petín e Montefurado.

Neste punto estratéxico pola súa «capacidade, localización e interese» foi onde o Nacional Corpo de Enxeñeiros construíu unha obra pechada con troneiras e, en parte, cuberta para servir de aloxamento ás tropas.

O túnel de Montefurado dende a estrada aos Anguieiros / Arquivo DDQ

No lugar estarían destinados «para servir de pezas lixeiras 100 prazas de fusil, dous sarxentos, catro cabos e tres oficiais; ademais de catro pezas de ferro das que se encargarían dez artilleiros, dous cabos, un sarxento e un oficial». O documento menciona que se dota á fortaleza «de víveres e municións para un mes».

O que pasou despois con esta fortaleza é «unha incógnita, pero as súas ruinas desapareceron co derrube que sufriu a boca do túnel» en 1934, apunta Jesús Río, que pensa que «moitas das pedras que aínda estaban no lugar acabarían empregándose nalgunha outra construción».

Ademais destes planos, consérvase outros documentos que fan referencia ao forte, como un gravado do artista José Cappa publicado en 1888, que amosa a forma dun edificio ruinoso sobre o túnel. Outro, do século XIX, obra do pintor Daniel Urrabieta, permite ver a boca do monte e o castelo dende Os Anguieiros.

Jesús Río Ramilo
Jesús Río na presentación dun dos seus libros / Arquivo DDQ

O párroco Jesús Río é un gran interesado pola historia e xa ten varias publicacións sobre Quiroga e súa comarca, como Tierras de Quiroga. Notas para la historia de la comarca, na que, a través de dous tomos, fai un recorrido por parte desta historia. Tamén publicou Os nosos devanceiros, un libro de fotografías; O Courel, bajo la cruz de Santiago e unha guía sobre a romaxe da Virxe dos Remedios, na Ermida.

Deixar un comentario