A grava que cae dun viaduto da estrada N-120 rompe cristais no Soldón, Quiroga

C. G. | QUIROGA


O deteriorado estado do firme da N-120 no viaduto do Soldón, en Quiroga, motivou nos últimos meses numerosas queixas entre os veciños e as formacións políticas. A ponte presenta tres importantes fochancas, unha delas especialmente aparatosa, que en setembro foron cubertas cunha capa de asfalto a modo de parche.

Con todo, tan só tres meses despois desa actuación, o pavimento comeza a facer augas e, ao incorporar unha nova capa, a focha é aínda maior.

Esta situación non só ten consecuencias para os vehículos, que se ven obrigados a reducir notablemente a súa velocidade ao paso por este punto, senón que tamén causou danos no propio núcleo do Soldón, situado aos pés do viaduto.

Estado dun dos parches colocados neste punto en setembro / DDQ

Un veciño, que prefire non desvelar a súa identidade, lamenta que «en dous anos a grava miúda que cae da estrada rompeu polo menos tres cristais» doutros tantos vehículos que estaban estacionados aos pés do viaduto. No seu caso, relata, tivo que reparar un portelo, pero tamén se viu afectada unha lúa traseira.

Xunto aos piares da ponte, di, «pódense ver os restos de asfalto que caen do viaduto agora que os parches están a desfacerse».

A ‘chuvia de grava’ sobre O Soldón é constante / CEDIDAS

Deixar un comentario