A courelá Lucía Seoane gaña os premios Talento Mozo do rural por Artesanía do Caurel

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


A Xunta vén de premiar algunhas das traxectorias e proxectos emprendidos pola xuventude galega máis destacados no certame Talento Mozo. Estes galardóns buscan recoñecer e dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: ciencia, cultura e creación, deporte, empresa e rural.

Os Talento Mozo alcanzan este ano a súa segunda edición, que permitiu ao Goberno galego premiar as mellores candidaturas de 2020 e 2021 cunha dotación económica de 5.000 euros por categoría.

A resolución desta convocatoria premiará este ano na categoría de rural o labor de Lucía Seoane, natural de Folgoso do Courel e promotora do proxecto empresarial Artesanía do Caurel.

Seoane é a artífice «dunha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostible, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira», destaca a Xunta.

A iniciativa desta courelá é, din dende os premios Talento Mozo, «unha clara aposta pola visibilización dos oficios artesáns, a dinamización social e cultural dos traballadores manuais da madeira cos que aínda conta a zona e que foi parte da economía da zona nos tempos pasados».

COÑECE O PROXECTO AQUÍ:

Imaxe de arquivo

Deixar un comentario