Casa do Estanco, o novo hotel de Quiroga con 20 prazas e nove habitacións

REDACCIÓN | QUIROGA


Só leva unha fin de semana aberto pero xa son moitas as persoas que pasaron por Casa do Estanco. Todas marchan satisfeitas e coinciden en salientar a coidada decoración tanto do bar como, os que as viron, das habitacións do hotel. Satisfeito está tamén Juan Luis Vázquez e todo o equipo do Grupo Socratea, impulsor do proxecto.

O hotel conta con 20 prazas repartidas en oito habitacións dobles e unha especial, na planta superior. Os prezos por noite van dende os noventa euros das máis pequenas ata os 130 da especial e das máis amplas e inclúe o almorozo e unha copa de viño. Os primeiros hóspedes chegaron a Casa do Estanco a noite do venres ao sábado e xa hai máis reservas confirmadas para os próximos días.

A cafetería e a terraza de Casa do Estanco foron tamén moi visitadas estes días. Vázquez destaca a calidade e rapidez do servizo nesta apertura e indica que a intención é manter os pinchos de balde coas consumicións, serán propostas «elaboradas e para todos os gustos». Sobre as comidas e ceas, estas ofreceranse de venres a domingo e sempre baixo reserva, posto que hai poucas mesas.

O hotel é unha realidade dous anos despois do comezo das obras, que supuxeron unha completa rehabilitación deste emblemático edificio de Quiroga, que acolleu durante anos un estanco. Socratea tivo que realizar un importante investimento que se completará nunha segunda fase, aínda sen data, coa posta en marcha dun restaurante.

As reservas para pasar unha noite en Casa do Estanco pódense realizar polo momento por vía telefónica. Nuns días pasará un fotógrafo polo establecemento, que se encargará de realizar as imaxes que compartirán na páxina web e nos portais de reserva, como Booking. A partir de entón, as reservas para aloxarse neste hotel estarán dispoñibles nestas plataformas.

PECHAR UN CÍRCULO

Para o Grupo Socratea, que recentemente presentaba os seus viños baixo a marca Casa de Outeiro, a apertura de Casa do Estanco supón pechar un círculo e culminar o seu proxecto enoturístico.

De feito, o mencía e o godello de Casa de Outeiro era o que máis demandaban esta fin de semana os primeiros clientes do bar, indicou Juan Luis, asegurando que sobre o 90% dos que pedían un viño escollían a súa propia marca. «Que pidan o noso viño na nosa casa é un verdadeiro orgullo», apuntaba.

Deixar un comentario