A Botica, tradición familiar e unha aposta por Quiroga van da man nesta nova cafetería

CARLOS JULIO GONZÁLEZ | QUIROGA


Cando nos anos vinte do pasado século a familia Quiroga mandou construír o edificio da farmacia no número 58 da rúa Real é moi posible que non imaxinasen que ese emblemático inmoble tería unha segunda vida como local hostaleiro. Mais os tempos cambian e este domingo abre A Botica, un lugar no que impera a ilusión e que conta ademais cunha moi ampla terraza interior.

As lembranzas familiares son unha constante en A Botica. O seus propietarios, Ramón Pío Quiroga, Yuli Mosquera, Alejandro Mayor e Nancy Tamargo, quixeron manter viva a esencia deste recoñecido negocio da vila. É por isto que decidiron restaurar as escaiolas e os mobles orixinais, como o da barra ou os estantes, así como recuperar os botes centenarios da farmacia.

A Botica Quiroga
Manuel, Montse, Hermi, Eney e Noelia, de esquerda a dereita, forman o equipo / DDQ

A posibilidade de abrir unha cafetería neste baixo comezou «como os típicos comentarios un pouco de broma que diciamos nas xuntanzas familiares», di Nancy, quen asegura que para a familia é «un soño feito realidade». Ademais dun negocio, será unha «homenaxe» aos seus devanceiros e un xeito de dar vida a un local «que nos daba moita pena ver pechado», apunta Alejandro.

Xunto a este factor familiar, están o Xeoparque Montañas do Courel, o Camiño de Inverno ou o auxe da Ribeira Sacra. Nancy di que estes tres elementos foron claves para animarse a dar o paso de abrir A Botica, coa que tamén buscan contribuír «a dar un impulso á zona, porque somos de aquí e fainos moita ilusión».

  • A Botica Quiroga
  • A Botica Quiroga
  • A Botica Quiroga
  • A Botica Quiroga

A nova cafetería de Quiroga abre este domingo ás 13 horas, cunha xornada de inauguración coa primeira consumición de balde. Na carta deste novo establecemento, explica Yuli, non faltarán tapas e racións variadas, ademais de bocadillos, hamburguesas ou pratos combinados. A carta de viños será tamén ampla, cunha predominancia das adegas do municipio.

Ademais, a terraza traseira, antigo xardín da casa agora reformado, acollerá os eventos que se celebren en A Botica, desde bautizos a festas de aniversario.

Manuel, Montse, Eney e Noelia, xunto coa responsable do local, Hermi Fernández, serán os encargados de levar o día a día da nova cafetería de Quiroga, na que tamén están á venda diferentes produtos gastronómicos galegos.

EDIFICIO CENTENARIO

O edificio data de 1920 e ata hai algo máis de cinco anos funcionou sempre como farmacia, primeiro da man da familia Quiroga e na última etapa alugada. Anteriormente, a familia tiña a súa botica na Praza Maior e foi neses anos vinte cando se trasladaron á agora rúa Real, explica Ramón Pío, neto do fundador.

No seu tempo, no edificio elaborábanse tamén as coñecidas como «fórmulas maxistrais». Nos estantes de A Botica pódense ver os recipientes nos que se realizaban as mesturas e os caixóns nos que se gardaban os diferentes ingredientes: «hojas Luisa», «cola fuerte», «sulfato de barita», etc.

1 comments

  1. Muchisima suerte, queridos amigos ! El qinvirtais para q nuestro pueblo sea mejor, dice mucho de vosotros como quirogueses, lo q le quereis a nuestro pueblo, no lo pusimos nunca en duda ! Un gran abrazo !!

    Gústame

Deixar un comentario