O Xeocamping de Ribas de Sil amplía prazas e contará con máis servizos

REDACCIÓN | QUIROGA


Continúan a bo ritmo as obras de ampliación do edificio que acollerá os diferentes servizos cos que contará o Xeocamping de Ribas de Sil, situado na entrada a San Clodio pola ponte nova.

A pandemia, explican dende o consistorio, retrasou a apertura das instalacións, pero ese tempo foi aproveitado para levar a cabo unha obra que permitirá ampliar o número de prazas para acampada dun xeito considerable.

Deste xeito, se o futuro adxudicatario o precisa, poderá empregar o terreo de expansión de 2.000 metros cadradados adicionais que hai dentro da parcela, sinalaron responsables municipais en Facebook.

Unha das accións que permitirá esta ampla superficie sería acoller as tendas de campaña que se instalan para os campamentos da Xunta de Galicia. Nestas actividades participan rapaces e rapazas que poderán empregar estas instalación ao tempo que coñecerán «o noso Xeoparque ou a Ribeira Sacra, ou peregrinar polo Camiño de Inverno», indican dende o concello.

Con estes últimos traballos, haberá oito duchas e seis sanitarios máis, así como cuarto de lavandería, cuarto de servizos para o camping e un almacén para gardar o equipamento de xardinería para o mantemento das instalacións.


Imaxe: Concello de Ribas de Sil / Facebook

Deixar un comentario