Inaugurada en Seceda unha ruta de sendeirismo centrada no oso e no mel do Courel

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Arredor da aldea de Seceda, en Folgoso do Courel, xira unha ruta de sendeirismo que vén de ser inaugurada recentemente. O seu deseño correu a cargo do Proxecto Life Oso Courel e contou coa colaboración da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurele. Trátase dun camiño que percorre espazos con colmeas e alvarizas e zonas que adoitaba poboar o oso pardo.

Esta Ruta do oso e do mel do Courel, que está totalmente acondicionada e sinalizada, ten unha lonxitude de dezaseis quilómetros. Nela, ademais do oso, ten unha forte importancia a apicultura, pois busca poñer ne valor o mel, un dos produtos estrela da Serra do Courel.

A presentación deste itinerario tivo lugar a pasada semana, durante unha xornada na que tamén tiveron lugar varias ponencias. Abordáronse diferentes temas, como a importancia dos espazos protexidos, a contribución do oso pardo ao desenvolvemento rural e a conservación da natureza.

Entre os participantes, o presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro; un representante da Fundación Oso Pardo, Fernando Balesteros; o alcalde de Somiedo, Belarmino Otero, e o coordinador das Estacións Científicas da USC, Xosé Luís Otero.

Proxecto LIFE OSO

A finais do pasado ano, a Fundación Oso Pardo anunciaba a ampliación durante catro meses máis deste proxecto. Deste xeito, a data de finalización será o vindeiro venres, 30 de abril. Prolongar este plan permitiu estender a campaña de plantación durante esta primavera.

Deixar un comentario