Chiscadela ao coidado do Xeoparque no novo camión do lixo de Ribas de Sil

REDACCIÓN | QUIROGA


A «axeitada política de contención de gasto e o aforro enerxético» que se propuxeron levar a cabo nos últimos anos os responsables municipais do Concello de Ribas de Sil comeza a dar os seus froitos.

O consistorio vén de anunciar a adquisición dun novo camión do lixo, que entrará en funcionamento nun prazo de 15 días.

Para a compra deste vehículo, o concello precisou realizar un desembolso de 130.000 euros. Un investimento que foi custeado «únicamente con fondos propios do concello», sinalaron nunha publicación en redes sociais.

Ademais, os remanentes dos últimos anos tamén se están a empregar para as obras do Xeocamping ou a adquisición dunha nave na Rúa do Sil, en San Clodio.

CHISCADELA AO XEOPARQUE

O novo camión do lixo vén cunha importante mensaxe incluída. No espazo da caixa conta cunha imaxe da praia fluvial de San Clodio nun lateral e, no outro, do meandro da Covela.

Acompañando estas fotografías, a inscrición «Coidamos do Xeoparque Montañas do Courel». Deste xeito, buscan transmitir «valores moi importantes dos xeoparques mundiais, como son a xeoconservación e o respecto polo medio ambiente».

Deixar un comentario