Tres marchas simultáneas claman contra o proxecto do parque eólico de Barjas

REDACCIÓN | FOLGOSO DO COUREL


Tres marchas partiron esta mañá dende os núcleos de Brañas e Fonteformosa (Pedrafita do Cebreiro) e Busmayor, este último en Barjas, na provincia de León, en sinal de rexeitamento contra o proxecto do parque eólico que afectará a zona. Con proclamas como «Courel livre de eólicos!» ou «Eólicos fóra dos nosos montes» nas súas pancartas, as tres mobilizacións confluíron arredor das 14:00 horas no Chan de Rabelo.

A platafora Así non! era a convocante destas marchas. Nelas participaron un elevado número de personas «na defensa do territorio e o patrimonio ambiental e cultural» e contra «a enxurrada de grandes proxectos enerxéticos que queren arrasar os montes do Courel, Trevinca, Cabrera e do Bierzo, e os de toda a Cordilleira Cantábrica», manifesta Adega, unha da entidades desa agrupación de colectivos, en declaracións recollidas por Nós.

Nas últimas semanas, a Asociación A Volta Grande do Courel recolleu sinaturas e prsentou alegacións contra un proxecto que consideran «afectarían de forma irreversíbel o Courel e o Bierzo».

No municipio leonés de Barjas, «xusto no límite de Rede Natura», a compañía estatal noruega Statkraft pretende instalar 22 aeroxeradores. «Son muíños de última xeración de máis de 200 metros de altura, tres veces a catedral de Santiago», explican dende a asociación.

Din que non poñen en dúbida «a necesidade dun modelo enerxético máis limpo e renovábel», mais pensan que «os intereses empresariais das corporacións non poden estar por riba da protección dos recursos ambientais e patrimoniais da zona».

«Lugares de alto valor social e natural, como o val de Visuña, o faial de Busmaior, ou o Cebreiro, sufrirán agresións que non teñen volta atrás, cun impacto que, se non o evitamos, porá en perigo as fontes, afectará a economía local, trastornará a vida da poboación e afectará a paisaxe e a fauna e flora local», detallaron.

Deixar un comentario